Blogue |

Os veciños axítanse

Os cidadáns aproveitan a precampaña para facer oír os seus problemas e é difícil non ver tamén quen saca beneficio político
Actuación policial na Milagrosa, onde as okupacións e os disturbios causados por un after fixeron xurdir un novo movemento veciñal.  AEP
photo_camera Actuación policial na Milagrosa, onde as okupacións e os disturbios causados por un after fixeron xurdir un novo movemento veciñal. AEP

En mes e medio e ás portas de que os cidadáns acudan a votar o próximo goberno de Lugo creáronse tres colectivos veciñais que están poñendo o foco sobre problemas que hai nas súas zonas de influencia e obrigando aos partidos políticos e ás administracións públicas a posicionarse e ata a variar os seus plans para elas, como o de construír máis vivendas sociais no Castiñeiro.

O primeiro deses colectivos foi a Plataforma SOS Milagrosa. O segundo, unha especie de sucursal deste no barrio do Castiñeiro. E o último, esta mesma semana, unha nova asociación no Sagrado Corazón.

En todas esas zonas hai asociacións dende hai tempo, non moi activas ultimamente e todas dependentes da federación veciñal Lucus Augusti, que preside Jesús Vázquez.

Vázquez é o principal líder veciñal da cidade dende hai anos, aínda que nos últimos tempos hai quen o cuestiona pola súa confesa proximidade ao PSOE -especialmente á candidata á alcaldía, Lara Méndez-, partido ao que chegou dende a súa tamén pública afinidade ao PP no pasado.

Esa é precisamente unha das circunstancias que está favorecendo que algúns veciños se unan para manifestar o seu descontento -fundamentalmente co goberno local- porque sinten que as súas zonas non están ben atendidas e que non se lles escoita suficientemente. Eivas que, por moi ben que un goberno xestione, nunca van estar suficientemente atendidas e que na lóxica política podería sinalar calquera partido da oposición, como así fan Cs e o PP. Con máis éxito o segundo, porque ten todo o que non ten o primeiro: aparato, experiencia e persoas curtidas no movemento asociativo.

Unha delas é Fernando Rois, nada máis e nada menos que vicepresidente e voceiro da federación veciñal e estreito colaborador da candidata do PP á alcaldía, Elena Candia. Comezou no movemento asociativo man a man con Vázquez, foise distanciando ao tempo que este se ía achegando ao PSOE e é frecuente velo en reunións con Candia ou con veciños desas zonas quentes da cidade. Esa afinidade, cando non militancia, é evidente tamén nalgunhas das persoas que están á fronte desas novas asociacións, onde ata o argumentario parece sacado ás veces das notas de prensa do PP.

Aínda que algúns dos problemas que se sinalan son palpables e lexítimas son as súas reivindicacións, é difícil non ver quen saca beneficio político destes novos movementos. E iso que dentro deles tamén hai persoas ás que lles molesta que os seus problemas sirvan para facer política.

Na Milagrosa hai veciños cuxas vidas se ven condicionadas pola degradación urbanística, a okupación de vivendas e as molestias e a inseguridade asociada ao tráfico de drogas e a algún local de ocio nocturno que quererían fuxir do partidismo. Pero tamén queren solucións, e pode que non vexan outra maneira de acadalas que arrimándose a quen máis ruído fai no momento no que máis posibilidades hai de que sexan escoitados. E logo está quen ao calor disto busca outras cousas.

‘Ciudadana’ cansa de explicar por que segue a selo

Olga Louzao
Olga Louzao

A Olga Louzao, voceira de Cs no Concello de Lugo, coordinadora do partido en Galicia e persoa afable onde as haxa, nótaselle no ricto que está cansa de dar explicacións sobre por que se mantén en Cs e non acepta os máis que probables convites para integrarse no PP ou no PSOE.

Cs ten difícil manterse na corporación municipal porque teno case todo en contra: a marca está máis débil ca nunca e o PP, pola contra, ten vento a favor. O único que o pode salvar é unha candidata con capacidade, como lle recoñecen outras forzas políticas, tenaz e fiel aos seus principios, como se está a ver, o que a fai dobremente meritoria.

Do mesmo xeito, as propostas de Cs para a cidade adoitan estar pegadas á realidade e seren sensatas, o que fai que moitas veces sexan apoiadas e ata incorporadas por outros partidos, do goberno e da oposición.

Por iso e porque a coalición de goberno sabe que a súa sorte pode ir ligada á de Cs —na medida en que este dificulte a maioría absoluta do PP, a priori a súa principal competencia—, é polo que PSOE e BNG levan tempo dándolle corda e visibilidade a Louzao. Sucedeu esta mesma semana, cando o presidente da Deputación, José Tomé, a recibiu para escoitar a súa proposta sobre a Ronda Este.

Comentarios