Blogue | A Semana do Revés

O vello sindicalismo reármase

Os traballadores do Concello volven a clásicos como CSIF e CIG e castigan o proxecto de Ágora

Traballadores do Concello de Lugo.VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Traballadores do Concello de Lugo.VICTORIA RODRÍGUEZ

HAI catro anos, en plena crise do bipartidismo, a ola da suposta nova política, que tamén acabaría chegando ao Concello de Lugo, alcanzou o sindicalismo nesta administración. O titular que resultou das eleccións laborais era que a casta sindical, como a política, non gustaba. Unha candidatura independente formada por traballadores sen afiliación nin experiencia sindical conseguía facerse co voto maioritario dos funcionarios —non do persoal laboral, onde non se presentou—. Ágora impoñíase a pesar de que carecía de estrutura e quedaba por diante de sindicatos con historia e poder como a mesma CSIF, a central clásica dos funcionarios.

Nas recentes eleccións, Ágora mantivo o número de delegados, pero con menos votos. Unha das razóns é que a virxinidade que hai catro anos lle puido valer a vitoria —aínda que tamén tería contribuído o desgaste das centrais tradicionais— puido acabar volvéndoselle en contra. O descoñecemento da actividade sindical provocou o seu primeiro gran erro, que condicionou todo o seu labor posterior. Ágora inscribiuse como agrupación e non como sindicato, o que lle impidiu acceder á mesa de negociación co goberno local. A pesar de que corrixiu o problema no primeiro ano, nin o goberno nin o resto de sindicatos tiveron interese en que se incorporara. Así, unha das centrais máis belixerantes coa nova Relación de Postos de Traballo (RPT), aínda hoxe en trámite, non tivo opción de voto e o polémico documento, que na práctica supón revisións salariais moi dispares, obtivo nun primeiro momento o respaldo do órgano negociador. Nunha segunda votación, celebrada o ano pasado tras axustes da proposta e tras meses de confrontación, esa maioría reduciuse, xa que UGT abstívose.

Pero probablemente houbo máis razóns polas que Ágora perdeu votos, aínda que cos obtidos conserva o número de representantes. Unha delas é que é un sindicato sobre o papel, pero non na práctica. Non ten estrutura nin medios económicos para defender os traballadores, como fixeron a CIG e a CSIF. As dúas centrais dispoñen de gabinetes xurídicos fortes e de sindicalistas curtidos e as dúas recibiron máis votos que hai catro anos, a pesar de estar en posicións distintas. A CIG oponse á RPT e aumentou un delegado, mentres que a CSIF mantén o mesmo número de delegados pero con máis votos. Isto, a pesar de que debido ás xubilacións reduxo o número de apoios na Policía Local, que é a área na que ten máis predicamento. A CSIF xera aversión en moitos traballadores porque consideran que arrima só para a Policía, un dos colectivos que sae máis beneficiado coa nova RPT, pero a realidade é que conseguiu atraer a funcionarios doutras áreas, como garderías ou oficinas. Entre eles, a algúns afíns a Ágora que acabaron desencantados con esta por todo o anterior e porque cren que algúns dos referentes deste sindicato miraron máis por eles ca polo colectivo.

En resumo, o vello sindicalismo reármase. Será unha premonición e, como en 2015, o bipartidismo tamén o fará?

RPT, volver a negociar?

Os sindicatos contrarios á proposta de RPT que se tramita son agora maioría (se UGT mantén a abstención) na mesa negociadora, polo que hai quen cre que debería haber outra negociación. O documento está en fase de informes. A xefa de Persoal xa o emitiu e sinalou fallos e agora debe pronunciarse o novo interventor, que se incorporou a mediados de febreiro e aínda non recibiu o documento.

Mesmos retos ca en 2015

UNHA nova RPT, un novo regulamento de persoal e a funcionarización do persoal laboral son algúns retos que había en 2015 e seguen sobre a mesa. Nalgúns eidos, como a cobertura de prazas, empeza a avanzarse, sobre todo dende o cambio na dirección xeral de recursos humanos. O problema é que había moito por facer e que a acción litigante dalgúns sindicatos —ás veces pertinente e outras non— enreda.

Diminúen os traballadores

O censo destas eleccións foi de 584 traballadores, 12 menos ca en 2015. O cadro de persoal do Concello, xa escaso, segue reducíndose e aumenta a temporalidade. O número de funcionarios baixou de 473 a 409 debido a xubilacións e outras baixas definitivas e o persoal laboral pasou de 123 a 175 efectivos. O Concello fixo bastantes contratacións no último ano, pero a maior parte delas temporais.

Comentarios