Blogue | A Semana do Revés

Non regateemos en natureza

Hai unha tendencia a reducir o verde nos espazos urbanos que se crean ou se reforman
Zona de árbores no campus, con folla caída no solo. J. VÁZQUEZ (ARQUIVO)
photo_camera Zona de árbores no campus, con folla caída no solo. J. VÁZQUEZ (ARQUIVO)

É unha realidade que a cidade de Lugo ten un cinturón verde envexable —tamén mellorable—, pero a urbe creceu e os espazos verdes non o fixeron na mesma proporción. Pode que a natureza no Lugo urbano ata se reducira. A natureza asimilable a unha cidade, os solares cheos de toxos e silveiras non contan para o caso.

A razón desa merma son os desenvolvementos urbanísticos, por razón dobre: a construción de edificios e o deseño dos espazos públicos. Como noutras cidades, hai unha tendencia a reducir o verde. Exemplos son a transformada Praza de San Marcos ou a Praza Horta do Seminario, que de horta só conserva o nome, como sucede coa noutrora chamada alameda da Praza Maior. Neste caso foi unha enfermidade o que condenou os olmos que tantas historias acubillaron durante tanto tempo. Fíxose un intento de reforestar o lugar, pero tivo pouco éxito e hoxe a metade inferior da Praza Maior é un areal. No que os nenos se divirten, certo.

Os outros casos obedecen a unha tendencia que a nivel mundial xa estivo máis de moda que está entre os urbanistas e os dirixentes políticos: a de ‘limpar’ espazos facendo superficies planas, grises, con pouco mobiliario e a miúdo pouco cómodo. A fachada do pazo de San Marcos loce moito máis agora, pero a cambio de desapareceren os imponentes cedros, as fontes de auga e a herba, que foron substituídos por unha explanada de granito con fontes que hai que adiviñar e bancos nos que non é posible Non regateemos en natureza apoiar as costas.

O tempo demostrou o que non resultaba moi difícil de ver: que este tipo de urbanismo disuade de usar os espazos públicos. E a consecuencia é que empezaron a xurdir novos conceptos, como urbanismo reparador e revexetación, aínda que en Lugo de momento non hai moita traza deles, como se viu nalgunhas das últimas intervencións, como as das prazas da Milagrosa. Na nova houbo que facer apaños e tralas queixas veciñais engadiuse algo máis de verde. Na vella, reformada este ano, o pouco céspede que había desapareceu para deixar paso á pedra. As árbores son o único rastro de natureza que queda.

Tendencia e tamén economía están probablemente detrás deste tipo de decisións. As árbores son seres vivos e como tal precisan máis coidado que as pedras, pero ademais de que fan os lugares máis confortables son máis baratos e eficientes que a tecnoloxía para eliminar a contaminación do aire, como apuntaba recentemente unha investigación da Universidade de Ohio.

O Concello de Lugo está volcado en facer da cidade un referente en urbanismo sostible con, entre outras actuacións, o deseño —xa veremos se construción— do que bautizou como barrio ecolóxico, entre Albeiros e e Garabolos. Persegue, segundo avanzou, un novo modelo de urbanismo, máis sostible, máis conservacionista da estrutura do territorio e máis habitable. A novidade e a envergadura do proxecto, que contrasta co que se vén facendo en actuacións moito máis sinxelas, xera escepticismo.

Comentarios