Blogue | A Semana do Revés

Menos pico e máis pala

Máis aló de pancartas e manifestos, hai que parar os micomachismos cotiás e dar recursos

Cartel contra la violencia machista. XESÚS PONTE (ARCHIVO)
photo_camera Cartel contra violencia machista en Lugo. XESÚS PONTE

PANCARTAS, manifestos, declaracións institucionais, marchas, carteis en negro... A actividade das administracións públicas e doutras entidades nos días que rodean o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, dispárase. Todo o que axude a visibilizar esta violencia, como outras, é bo. A conciencia que hai hoxe sobre o machismo e as súas expresións violentas non ten nada que ver coa de hai vinte anos, por exemplo, e para iso foi fundamental que se empezara a falar de maltrato en público.Porén, quizais se corre o risco de que ese balbordo que se produce por estas datas desvíe a atención e os esforzos para levar a cabo accións que ao mellor son máis útiles para eliminar a violencia contra a muller e para axudar a quen a sofre ou a sufriu.

É significativo, por exemplo, o mapa autonómico dos Centros de Información ás Mulleres (CIMs). En toda a montaña luguesa non hai nin un só, co problema de dispersión e illamento que define este territorio. Esa carencia provoca, por exemplo, que veciñas desta zona acudan á Casa da Muller de Lugo, un centro que, nalgunhas épocas ten eivas ata para o seu normal funcionamento. Sucede agora mesmo. A funcionaria que dirixe o servizo e presta asesoramento xurídico está de baixa. Hai semanas que ese tipo de atención non se pode dar porque, segundo explicou o goberno local, na lista de persoal de reserva non hai licenciados en Dereito. E a coordinación da Casa -da que dependen outros servizos, como as vivendas de acollida- foille encomendada ao psicólogo, que ten que repartir o seu tempo entre a atención e o traballo administrativo.

Nos tempos que corren tampouco pode ser imposible habilitar a maneira de poder borrar no rexistro do celular a chamada ao Teléfono da Muller (en Galicia é o 900400273), que na factura xa non aparece, para que as vítimas pidan axuda con máis tranquilidade.

É inquietante tamén a enquisa que fixo Amnistía Internacional a mulleres que sufriron violencia sexual, na que a totalidade das entrevistadas en Galicia afirmaron teren sufrido unha mala experiencia á hora de contactar coas distintas institucións (policía, sanidade e xustiza). Quéixanse sobre todo de falta de especialización e de comprensión deste tipo de violencia.

As posibilidades de mellorar a atención ás vítimas de violencia de xénero son infinitas: máis pulseiras que aseguren o cumprimento das ordes de afastamento; máis recursos, como vivendas para vítimas e fillos; acceso rápido a axudas económicas e doutro tipo... Pero, sobre todo, o que fai falta é máis prevención. E iso compétenos a todos. Non só hai que parar un golpe, propio ou alleo. É igual de importante frear os micromachismos cotiás, dende o comentario "gracioso" dun compañeiro á defensa da supremacía masculina ou o desprezo e a subestima da muller que aínda se produce abertamente con moita frecuencia. Non sempre o facemos, por pudor ou cansazo, pero iso tamén é violencia. E o xerme doutra maior.

Violencia sexual xuvenil

OS especialistas alertan do aumento da violencia de xénero entre os mozos debido ao mal uso que fan da tecnoloxía. Moitos adolescentes e adultos novos ven normal controlar a parella a través do teléfono móbil e o primeiro contacto que moitos deles teñen co sexo é a través da pornografía, onde dominan os patróns machistas e violentos, que logo moitos mozos levan ás súas relacións sexuais.

Parellas que rompen antes

NA loita contra a violencia de xénero hai avances e retrocesos. Fátima López, responsable do programa de atención a vítimas e fillos que o Colexio de Psicoloxía de Galicia presta grazas a un convenio coa Xunta, sinala que un dos cambios que perciben é que as mulleres que sofren maltrato rompen antes cos seus agresores. «Antes víamos mulleres que levaban máis anos de relación», explica.

Performance de pel de pita

OS asistentes ao acto que fixo a USC quedou coa pel de galiña despois da performance que fixo o taller de arte dramático do campus, que dirixe Paloma Lugilde. Estaba baseado no monólogo ‘A violación’, de Franca Rame, e foi tan impactante que o público tardou en reaccionar. «Conseguiron meternos dentro da vítima. Deberían velo moitas persoas do mundo xudicial, policial e institucional», di a avogada Paula Alvarellos.

Comentarios