Blogue | A Semana do Revés

Máquina de destrución política

A xestión do persoal no Concello de Lugo lévase por diante a todo aquel que o intenta

Para que Lugo funcione é o lema co que o candidato do BNG á alcaldía de Lugo viste as súas propostas de campaña. Serán boas, malas ou regulares, pero o alcaldable nacionalista, como os dos outros partidos, debera ter claro que para que a administración local funcione non será suficiente a renovación de ideas e de caras. Como na empresa privada, fai falta dirección e fan falta traballadores, e calquera que coñeza un pouco a situación interna do Concello de Lugo sabe que o persoal é un polvorín. Unha máquina de destrución política, podería dicirse. 

Protesta de funcionarios. AEPA maioría dos concelleiros e xestores que pasaron por persoal nos últimos lustros saíron damnificados. O último, o aínda edil Daniel Piñeiro, que o 26 de maio non repetirá na candidatura socialista en postos de saída despois de catro anos sen respiro. Calquera o estaría á fronte dunha macroconcellería como a de urbanismo, medio ambiente e persoal, pero Piñeiro non esconde que esta última área foi a que o queimou. Non era fácil saír ileso dela, máis aínda cando o goberno tentou levar a cabo unha necesaria e sempre conflitiva revisión da relación de postos de traballo (RPT), pero el mesmo recoñece que non quedou satisfeito co traballo feito. "O primeiro que se cuestiona a si mesmo son eu", dicía hai uns meses a propósito da primeira folga de persoal do Concello en corenta anos, e repíteo agora, a punto de despedirse. 

Co ánimo de mellorar a xestión dos recurMáquina de destrución política sos humanos, en 2016, o goberno de Lara Méndez, co apoio de Lugonovo, creou unha dirección xeral. En 2018, as ameazas de xulgado do PP acabaron por facer dimitir a Ana Sáez, a funcionaria da casa que fora elixida para o cometido, tras pouco máis de ano e medio de traballo infrutuoso, entre outras razóns —aínda que no só esta— pola absoluta falta de sintonía con funcionarios cos que era imprescindible que a houbera. 

O goberno fichou entón a Emilio Martínez, un experimentado xestor de recursos humanos que axiña comprobou que a administración universitaria, da que viña, parécese ben pouco ou nada a un concello. Aínda non leva un ano no posto e a presión que recibe dalgúns sindicatos e colectivos, como a Policía e os Bombeiros, xa lle fixo saír pola porta algún día sen ter claro se ía volver. Lara Méndez é unha alcaldesa persuasiva e algunha desas veces convenceuno, pero seguramente lle resultará menos doado despois de maio, se é que revalida o cargo. Neste momento, Martínez está de baixa médica, que se prevé curta. 

Porén, á actual situación de conflitividade e de apatía laboral non se chegou en catro anos nin se debe a que os traballadores do Concello de Lugo sexan ingobernables. Nas últimas décadas houbo decisións que non axudaron, como aquel intento de modernizar a Policía con dous directores xerais que nunca tiveron suficiente respaldo político —un non durou nin medio ano e outro acabou no xulgado, de onde saíu ben— ou a incompresible falta de decisión para poñer en funcionamento un sistema de control horario que existe dende hai anos.

Expedientar é difícil    

Exemplo do atadas que ás veces teñen as mans os gobernantes é a dificultade de instruír expedientes a funcionarios. En marzo, o goberno anunciou máis de media ducia deles a outros tantos policías, pero, como outras veces, será difícil que atope na casa traballadores dispostos a instruílos. Sempre queda que o faga alguén de fóra. Haberá que ver cal é a vontade. No pasado, esa dificultade foi a escusa para deixalos caducar.

O persoal non esquece

Din que para recoller hai que sementar e hai traballadores que non esquecen o trato que recibiron nalgunha ocasión, como aquela na que Francisco Fernández Liñares —corrupto confeso— lles dixo aos bombeiros que, por un bocadillo e unha Coca-Cola, os membros de Protección Civil facían o mesmo traballo. Outras veces foron —son— os gobernos os que tragaron. Con incompatiblidades e absentismo, por exemplo.

Sen mando á fronte

É difícil que a maquinaria funcione ben cando non hai ninguén á fronte dela, como quen di. Neste mandato houbo concelleiros que renunciaron ao soldo municipal para manterse nos seus traballos e algunha cuxas enerxías levan tempo repartidas noutros cometidos. Unha cidade de 100.000 habitantes ben merece a dedicación completa de quen se presenta voluntariamente para axudar a gobernala.

Comentarios