Blogue | A Semana do Revés

O Ive, xustiza e algo máis

O PSOE lucense foi o primeiro de Galicia en desmarcarse da estratexia de Caballero na reclamación do tributo
Méndez (esquerda) con Caballero (centro), no comité da pasada fin de semana. AEP
photo_camera Méndez (esquerda) con Caballero (centro), no comité da pasada fin de semana. AEP

O APOIO do PSOE lucense a unha moción do PP para reclamarlle ao Goberno central o Ive de 2017 causou sorpresa. Non por que non sexa unha demanda lóxica, senón porque supón desmarcarse do PSdeG, que se mantén ao lado de Pedro Sánchez neste asunto. Das grandes cidades, os lucenses foron, xunto cos ferroláns e os santiagueses, os primeiros en aprobar no pleno a reclamación do Ive. Sumouse tamén a Deputación da Coruña e o Concello seguramente seguirá o mesmo paso, o que demostra que a Caballero se lle está abrindo unha vía de auga.

O equipo de Lara Méndez tentou vincular ese voto afirmativo a unha emenda na que pedía incluír a reclamación da reforma do modelo de financiamento autonómico —é o que defende o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero—, a aprobación dos Orzamentos do Estado para «normalizar a relación financeira», e que a Xunta cumpra compromisos adquiridos con Lugo, como o museo da romanización e o remate da Rolda Este e do plan Paradai. É unha emenda que Caballero probablemente tamén asinaría, pero foi rexeitada e os socialistas lucenses votaron de igual xeito a carón do PP. "Porque sempre estamos do lado dos veciños", afirmaron, tras deixar ben claro que o do Ive foi un problema "xerado" polo Goberno de Rajoy.

Aparentemente, as augas no PSOE baixan máis tranquilas que hai uns meses, cando as tensións entre unha parte do partido — na que podía encadrarse o municipal— coa O Ive, xustiza e algo máis dirección galega eran evidentes, pero cómpre preguntarse se o sucedido responde á lexítima e obrigada defensa dos intereses dos cidadáns ou significa algo máis.

Nas filas lucenses teñen asumido que este é o momento de Caballero e así se vai respectar. As siglas estarían por riba de todo. Aínda que está vivo o recordo da falta de cariño por parte do aparato galego na campaña das municipais e non semella tampouco que estean curadas as feridas dos procesos de renovación da dirección provincial e da Deputación nin dos cambios nas listas electorais que fixo o PSdeG. A maneira en que o partido se implique na campaña de Caballero será significativa.

Os receos son recíprocos. É probable que en Santiago non sentase ben o sucedido no pleno de Lugo, por moito que a estratexia de Caballero fraquee. Está fresca tamén na sede do PSdeG a particular mensaxe de Nadal de Álvaro Santos, ex xefe provincial e agora concelleiro de Lara Méndez, que criticou sen contemplacións a Caballero por "falta de proxecto para Galicia". Obrigoulle á alcaldesa a saír ao paso, aínda que a corrección foi comedida. No PSOE escóitanse, e mesmo se respectan todas as opinións pero nos órganos internos, dixo entón.

Méndez non sae na foto dalgúns dos actos que Caballero ten en Santiago as fins de semana, pola axenda da Alcaldía ou por outras circunstancias, aínda que en Fitur non dubidou en convidar o seu secretario xeral a sumarse á foto de Lugo. E o feito de que noutras cidades os socialistas tamén se estean desmarcando no tema do Ive amosa que non só en Lugo hai discordancias.

O PP divide o PSdeG

O PSOE lugués foi dos primeiros en rachar a estratexia de Caballero na reclamación do tributo O PP divide o PSdeG OS socialistas lucenses acusan o PP de usar a débeda do Ive como arma electoral a pesar de que a orixe do problema está no cambio do sistema de liquidación do imposto que aprobou o Goberno de Rajoy. Non lle pode estar saíndo mellor a estratexia ao PP, que coas súas mocións nos concellos e nas deputacións está logrando dividir o PSdeG. Nada novo, por outra parte. Un PSdeG, dúas almas, resume un bo coñecedor do partido.

Que vía seguirá Tomé?

FALTA un mes para o pleno da Deputación de Lugo e ata pode que o Goberno central atope unha maneira de pagar o Ive. Se non é así e o PP presenta a moción será interesante ver que posición adoptan os socialistas de José Tomé, que semella ser o home de Caballero en Lugo. No último pleno non tivo problema en rexeitar unha moción do PP sobre os malos servizos ferroviarios por «oportunista» contra o Goberno de Sánchez.

O BNG tamén condiciona

HAI outro factor que con seguridade fixo ao PSOE pensar o seu apoio á moción do PP: o voto do BNG. Era evidente que este se ía sumar á reclamación do Ive, porque ademais foi a primeira formación en propor a vía xudicial. Os socialistas corrían o risco de seren os únicos en ir contra os intereses dos cidadáns se rexeitaban ou se abstiñan na proposta do PP, e ademais en contra do que faría o seu socio de goberno.

Comentarios