Blogue | A Semana do Revés

Con empadroar non chega

O reto dos 100.000 precisará rexistrar os veciños que non están pero, sobre todo, atraer a máis

O BNG tomoulle a dianteira ao socio de goberno ao anunciar unha campaña para impulsar o empadroamento daqueles veciños que viven no municipio e aínda non están censados. A xogada, a propósito dun análise de poboación realizado por este diario, resentiu ao PSOE, que lembrou que xa a alcaldesa, Lara Méndez, levaba esa idea no seu programa electoral. Dá o mesmo porque, como ámbolos dous din unha e outra vez —quizais é a maneira de convencérense a si mesmos— Lugo ten un goberno e non dous e as accións teñen que ser transversais. E dá igual porque aínda non se sabe en que consistirán esas campañas. De momento non hai máis ca intencións.

Non van nin cen días dende a formación do goberno, pero do mesmo xeito que, se hai algo pensado e o tema salta á actualidade, quizais era o momento de dicir algo máis, non parece menos evidente que cumprir o reto de acadar os 100.000 habitantes oficiais precisará algo máis ca que se inscriban os que aínda non o fixeron. A alcaldesa apela a, entre outros, os estudantes universitarios, pero non semella que sexa fácil motivar a esta poboación. Por exemplo, o acceso á tarxeta cidadá, que rebaixa o prezo do bus, non precisa padrón. Poden estudarse outras maneiras, como descontos nas actividades culturais e facilidades para atopar e para pagar vivenda, que seguramente é unha das cuestións que máis lles preocupa aos universitarios que chegan a Lugo, pero isto supón un esforzo e uns recursos que quizais non están nas mans do Concello.

Outra cousa é lograr que parte deses mozos queden na cidade cando rematen de estudiar, o que pasará porque atopen a maneira de desenvolver a súa actividade económica aquí. E para iso fai falta certo dinamismo. O factor que máis inflúe en que a xente non emigre dun territorio e en que este capte poboación doutros é a actividade económica, sostén o sociólogo Elías Trabada, tamén experto en urbanismo.

Hai que lograr que a xente non marche de Lugo —segundo o Ige, na última década máis de 13.000 persoas desprazáronse a outras comunidades e a o estranxeiro— e hai que incentivar a natalidade, obxectivo se cadra aínda máis difícil. Trabada ten clara a fórmula: máis estabilidade laboral e mellores salarios, vivenda de aluguer social e privada con renda asequible e acceso xeralizado a prazas públicas de garderías, di. Neste momento, a cidade ten sete garderías públicas, tres da Xunta e catro do Concello, e varios centos de familias quedan fóra cada curso. O presidente do Goberno galego acaba de anunciar a gratuidade da ensinanza de 0 a 3 anos a partir do segundo fillo dende o primeiro trimestre de 2020. É un paso.

De momento, Lugo leva anos con saldos vexetativos negativos e o crecemento poboacional pasa pola inmigración que fuxe en busca de seguridade e de sustento e que, en Lugo como noutras cidades, vese abocada a rendas sociais e a empregos precarios —por salarios ou por condicións—, habitualmente na hostalaría, na construción, a agrogandería e o sector forestal. Sempre serán necesarios estes empregos, pero impulsar á vez sectores produtivos de maior valor engadido é quizais o maior reto da cidade de Lugo.

Natalidade, factor cultural

SEN seguridade económica é difícil ter fillos, e acabamos de ver como os Eres en Galicia aumentaron este ano un 90% respecto a 2018, máis do dobre ca no conxunto de España. Porén, hai máis razóns polas que non se teñen fillos. Ás veces esquécese que a fecundidade ten un compoñente cultural. Será difícil reverter a tendencia á baixa da natalidade que se mantén nos países socioeconomicamente máis desenvolvidos.

A hora da tecnoloxía

NON é realista aspirar a que, como no século XX, cheguen a Galicia —e menos a Lugo— xigantes que verdadeiramente dinamizan os territorios, como Alcoa, Endesa ou Citroen. Lonxe diso, o reto agora é evitar peches e deslocalizacións. Os tiros van máis ben pola I+D —aí está o polo tecnolóxico de Rozas, á espera do que dará de si— e conviría non esquecerse do aproveitamento sostible dos grandísimos recursos naturais.

Que supoñen os 100.000?

SUPERAR os 100.000 habitantes supón máis aportacións doutras administracións e máis status e posibilidades para Lugo. Hai eventos (congresos, concertos, eventos deportivos) que só chegan a urbes que superan ese tamaño. Que a poboación na sombra se inscriba tamén é compromiso. Non é xusto que un veciño tribute noutro concello e se beneficie a cotío de servicios que dá o de Lugo cos cartos dos demais.