jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Candia exerce e manda aviso

A presidenta provincial do PP fai un equipo á súa medida e deixa fóra de xogo a veteráns
Elena Candia entra na reunión na que presentou o novo equipo directivo do PP. SEBAS SENANDE
Elena Candia entra na reunión na que presentou o novo equipo directivo do PP. SEBAS SENANDE

COAS TÁBOAS que aportan 18 anos de traxectoria política, no local, provincial e autonómico, na oposición e no goberno; coa forza que dá a reelección como presidenta provincial cun 98% de apoio, e co máis que probable visto e prace de Feijóo, Elena Candia nomeou esta semana o seu novo equipo para dirixir o partido, no que deixa fóra de xogo, ou cando menos descoloca, a veteranos e outros compañeiros de partido que estaban nos faladoiros polo papel que desempeñan neste momento ou que poderían levar a cabo no futuro.

O caso do popular José Manuel Balseiro é o máis chamativo. Despois de semanas nas que había quen daba por feito o seu nomeamento como secretario xeral despois de que, segundo os mentideiros, "amagara" con presentar unha candidatura alternativa a Candia, esta optou por unha renovación en toda regra e situou nese papel a unha nova promesa, o xefe territorial de Política Social, Javier Vázquez Nodal.

A manobra descolocou a todo o persoal e por suposto ao implicado, que na reunión na que nomeou o comité executivo tomou a palabra para amosar o seu desacordo. Veu a dicir que se sentía na obriga de dar explicacións porque os compañeiros e os medios de comunicación levaban semanas situándoo no cargo e porque ela adquirira ese compromiso con el ata en tres ocasións. A presidenta afirmou que non ía desvelar conversas privadas, pero que na última quedara clara a súa postura. O momento foi tenso e Balseiro rexeitou un posto de coordinación que se lle ofrecía, pero os dous políticos mantiveron as formas, e mentres que Candia lle agradeceu toda a súa valía e o traballo feito, o exdelegado da Xunta en Lugo asegurou que o PP era o seu partido e que por el seguiría traballando.

A continuación, co vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, ao carón —o que para algúns é tanto como con Feijóo—, os asistentes votaron a nova estrutura provincial todos a unha, incluido Balseiro e os que podían estar con el. Trala reunión, Candia, Balseiro e o resto de mariñáns pararon a cear nun restaurante de Vilalba.

A mindoniense enmarca esta renovación, así como a inclusión na directiva de alcaldes e doutros membros do partido novos en idade ou en responsabilidades, na necesidade de dar aire á formación, que a pesar de ter bos resultados na provincia -nas últimas autonómicas sumou un deputado máis- leva máis de dúas décadas sen gobernar nin na capital nin na Deputación, agás os tres meses da propia Candia en 2015 pola crise do bipartito. Ademais, hai dous anos perdeu feudos como o de Vilalba.

Candia asume que os cambios e os golpes na mesa son riscos consustanciais á política e que estaban xustificados. "Estamos obrigados a mover banquillo. A xente pedíame renovación", di. A presidenta exerce o mando como dixo que ía facer, sen tutelas, e de paso manda aviso. Ningunha das persoas das que se fala como alcaldables para a cidade —Javier Arias, Ramón Carballo Antonio Ameijide— figuran no núcleo duro, aínda que si como natos.

De discípula a xefa

Candia entrou en política con Balseiro, o seu valedor nos comezos. "El ten a súa casa neste partido. Sabemos que contamos con el e el con nós. Seguramente coñece o partido mellor ca min", afirma a presidenta, que, porén, insiste en que, como veu dicindo, "ningunha persoa debe destacar sobre ningunha outra, nin eu mesma", di. Balseiro rexeitou analizar o sucedido. "Falei onde tiña que falar, no comité executivo".

Un trío que se entende

A presidenta elixiu para as secretarías xerais e de organización, os dous postos con máis peso sobre o papel, a Javier Vázquez Nodal, que foi asesor do grupo municipal da cidade durante moitos anos, e a Javier Vázquez Prado, concelleiro agora. E para a vicesecretaría de política municipal a Enrique Rozas, que se afastou da primeira liña hai uns anos tras aspirar á dirección local, e ten unha gran amizade con ambos.

Unha executiva moi local

VIUSE anómalo que Candia tardara en nomear a executiva —no resto das cidades fíxose o día dos congresos— aínda que recorda que en 2016 xa fora así, dentro dos estatutos. Chama a atención o peso que gañan alcaldes que ata agora non tiveran papel fóra dos seus territorios, a elección dun secretario xeral con pouco peso na provincia —Conde está polo sur e ela pola Mariña, di— e que haxa catro edís da cidade.

Candia exerce e manda aviso
comentarios