Blogue | A Semana do Revés

A A-6 gaña relevancia política

As alcaldesas de Lugo e da Coruña reuníronse por primeira vez e reivindicaron que a Xunta lles transfira aos concellos os fondos poscovid que recibiu do Estado
Lara Méndez e Inés Rey. CONCELLO DE LUGO
photo_camera Lara Méndez e Inés Rey, esta semana no despacho da alcaldesa de Lugo. EP

AS ALCALDESAS de Lugo e A Coruña, Lara Méndez e Inés Rey, mantiveron esta semana un encontro na cidade de Lugo, o primeiro dende que as dúas son rexedoras. Foi unha reunión institucional, no Concello, na que quixeron poñer en valor o modelo de cidade que comparten e polo que traballan —sostible, ben comunicada, con oportunidades de traballo e onde mulleres e homes sexan iguais—, así como reivindicar un mellor tratamento financeiro aos concellos por parte da Xunta. 

Foi tamén unha reunión simbólica, xusto cando Méndez acaba de ser nomeada vicesecretaria xeral dun PSdeG que quere dar protagonismo ao poder municipal, e ás mulleres, e co que tamén Rey está moi conectada. Aínda que a rexedora coruñesa non entrou na nova executiva, a proximidade co secretario xeral, Valentín González Formoso, é manifesta, por vía directa e indirecta, a través do secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, o edil con máis peso no seu goberno.

Aínda que Rey tamén se reuniu hai unhas semanas co alcalde de Vigo, Abel Caballero, referencia no municipalismo galego, o encontro desta semana en Lugo non semella casual. Leva dous anos e medio na alcaldía e era chamativo que aínda non se produxera unha visita deste tipo entre dúas cidades que, aínda tendo dinámicas e estruturas socioeconómicas moi distintas, están moi próximas e teñen moito vínculo. 

Sexa como for, é unha boa nova que Lugo e A Coruña se miren máis e vaian da man. Sendo honestos, será máis proveitoso para a cidade da muralla que para a herculina, que forma parte da Galicia rica e está a anos luz en moitos aspectos, dende as infraestruturas ao dinamismo económico.

Méndez e Rey puxeron sobre a mesa intereses comúns, como a petición de que a Xunta lles deixe xestionar aos concellos os fondos poscovid transferidos polo Estado. Basean a demanda en que, mentres a Xunta recibiu diñeiro para afrontar os gastos da pandemia e iniciativas de recuperación social e económica, os concellos están a facer todo ese traballo con recursos propios. O de Lugo estivo á altura dende o primeiro momento e xa son moitos os cartos que van destinados a fortalecer o tecido económico e social da cidade, o tempo dirá se con acerto ou non. Pode facelo grazas ao seu bo estado financeiro, pero é obvio que se os cartos se destinan a iso non poden ir a outras cousas, como as infraestruturas ou os servizos que se prestan á cidadanía.

Parece lexítima a demanda das rexedoras nun contexto no que, ademais, os municipios non deixan de asumir competencias, sexa de forma formal ou informal, como sucedeu en moitos ámbitos a raíz do covid. Porén, un agravio similar se pode producir se o novo marco de financiamento autonómico que as comunidades debaten co Estado se aproba nos termos nos que se deron a coñecer, xa que Galicia perde. Será a primeira oportunidade do PSdeG para poñer Galicia por diante do partido. Iso que, na opinión dos que mandan hoxe, o anterior secretario xeral non fixo.

Na política non hai casualidades
SE Rey foi a Vigo antes do congreso galego do PSdeG, o que tamén se interpretou como unha forma de tender pontes coa parte do partido que ao candidato coruñés lle podía supor máis dificultades, a Lugo viaxou xusto cando os socialistas inician nova etapa en Galicia e están a punto de arrancar os congresos para renovar as estruturas provinciais. Na da Coruña haberá cambio seguro debido á nova responsabilidade de Formoso.

 

Os compañeiros de Arias
NA lista alternativa de Xosé María Arias á secretaría provincial do PSOE, á que optará o presidente da Deputación, José Tomé, aliñado coa nova dirección do PSdeG, están a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira,  membro desa nova executiva, e Antonio de Dios, rexedor de Meira, que nas primarias apoiou sen fisuras a Formoso. Pode significar descontento co PSOE lucense ou que se busque exercer de contrapeso.

 

A dañina afección do PSOE
O PSOE puxo en marcha a maquinaria para renovar as estruturas provinciais e todo apunta a que tamén na Coruña, Ourense e Pontevedra haberá varias candidaturas, nalgúns casos promovidas pola facción que perdeu nas primarias galegas. De portas para fóra revístese de democracia, pero na práctica non fai máis que confirmar a dañina afección do PSOE a dividirse. E ás portas dunhas municipais non é o mellor.

Comentarios