viernes. 24.01.2020 |
El tiempo
viernes. 24.01.2020
El tiempo

Xoguetes para apoiar pequenos loitadores

Alumnos de 5º de primaria do Ceip Mestre Pastor Barral de Melide. EP
Alumnos de 5º de primaria do Ceip Mestre Pastor Barral de Melide. EP
Escolares de 5º de primaria do Ceip de Melide lanzan un calendario e impulsan un mercado para recadar fondos para nenos con cancro

A solidariedade impregna cada recuncho do Ceip Mestre Pastor Barral de Melide nestas datas do Nadal. Os escolares decidiron poñer o seu grao de area e propuxéronse sacar un sorriso a outros pequenos coma eles que, por desgraza, teñen que librar cada día unha dura batalla contra un grande inimigo: o cancro infantil.

Os 22 alumnos da clase de 5º de primaria son os autores de dúas iniciativas —o deseño dun calendario e a organización dun mercado de xoguetes— cuxos fondos irán destinados integramente a tres entidades de axuda a enfermos oncolóxicos (Asanog, Fundación Andrea e Asotrame).

Os nenos están entusiasmados e estanse aplicando a fondo nas aulas. "Eles mesmos deseñaron os debuxos que decoran cada mes do calendario", precisa Soqui Cea, titora de 5º de primaria, quen explica que esta acción solidaria xa cumpre a súa segunda edición no centro. "A idea de deseñar un almanaque xurdiu o pasado ano por parte dos nenos de primeiro curso. Por desgraza, neste colexio hai alumnos que sufriron cancro e os rapaces están moi concienciados co tema", explica.

No caso do mercado precisa que se trata "de algo que nunca se fixo nesta vila e os rapaces están emocionados vendo como a entrada do centro se enche de xoguetes que terán unha segunda vida por unha causa solidaria". Os interesados poden deixar a súa achega ata este venres no Ceip.

Soqui Cea pon en valor a posta en marcha accións deste tipo nos colexios, pois coma ela mesma defende "os nenos non veñen ás aulas só a aprender a sumar ou restar, tamén é importante que coñezan o valor da palabra solidariedade".

Xoguetes para apoiar pequenos loitadores
Comentarios