Un voto de Monterroso podería atrasase xullo a constitución da Deputación

O PSOE anuncia un recurso contencioso electoral se a xunta central non valida o sufraxio que lle daría o empate na localidade

Vecinos votando en Monterroso. EP
photo_camera Vecinos votando en Monterroso. EP

O anuncio do PSOE de presentar un recurso contencioso electoral no caso de que a xunta central non dea validez ao voto que reclaman en Monterroso podería atrasar a constitución da Deputación ata xullo.

A decisión da xunta central deberá facerse pública entre este mércores e este xoves. De dar validez a este sufraxio -unha papeleta a favor do PSOE que foi introducida na urna das municipais dentro dun sobre azul das europeas- a candidatura encabezada por Rafael García volvería empatar en número de sufraxios (799) coa de Independentes por Monterroso (IxM), liderada polo exsocialista Antonio Gato.

De non ser así, o PSOE xa anunciou que seguirá reclamando este voto a través dun recurso contencioso electoral. Isto atrasaría polo menos un mes a constitución da corporación local e, indirectamente, tamén afectaría á Deputación, cuxa corporación non pode constituírse ata que o fixeron as de todos os concellos da provincia.

No caso de que a papeleta sexa validada, o PSOE conseguiría o seu obxectivo de empatar, pero iso non lle garante que automaticamente gañe o cuarto concelleiro que está en xogo. Este teríase que sortear entre ambas as formacións, por mor de que PSOE e IxM tamén empataron en número de mesas nas que se impuxeron, dúas cada un.

A gobernabilidade do Concello tampouco queda garantida, xa que aos catro concelleiros que tería a forza gañadora, habería que sumar os tres da que quede en segundo lugar, os outros tres do PP e o único concelleiro de Compromiso por Galicia (CxG).

Tras o empate do 25-M a 798 votos, a xunta electoral de zona deulle a vitoria provisional a Gato, ao validarlle un voto que presentaba unha pequena rotura, pero desestimou o que reclamaba o PSOE.

Comentarios