O viño e Melide, parella inseparable

A tradición de xuntarse para tomar uns viños en Melide remóntanse xa á Idade Media. Na vila concéntranse ducias de locais que fan do froito da uva o seu sinal de identidade

Terraza da Adega Mandil. ANA SOMOZA
photo_camera Terraza da Adega Mandil. ANA SOMOZA

Ser de melide implica unha ampla serie de requisitos. O primeiro deles é que a un lle guste a troula. Xa non só no verán, Melide conta as súas fins de semana por festas e celebracións. Que se San Roque, que se San Caralampio, que se a Foliada... E todo ten a súa orixe.

viños 1A tradición de saír tomar algo pola vila adiante, fundamentalmente viño, estableceuse moitos séculos atrás. O director do Museo Etnográfico Terra de Melide, Xosé Manuel Broz, conta que hai documentada a existencia de varias tabernas e pousadas na localidade durante os últimos séculos da Idade Media. Un deses casos é o da Casa del Pichel Verde, un establecemento situado na antiga Rúa Grande.

A localización das tabernas achega moitas pistas acerca da súa existencia. "Melide sempre foi terra de viaxeiros, estudantes, feirantes e artesáns", conta Broz. A condición de clases medianamente caudalosas permitiu que a poboación collera o costume de deixarse caer polos bares ao mediodía e á noitiña. Esa tradición continuou e continúa aínda hoxe. "Dende que son neno, e teño xa 73 anos, acordo os maiores irse de viños antes do xantar", narra o director do museo.

"Onde hai feira, hai que beber e comer", di Xosé Manuel Broz

FEIRAS. Un dos principais motores económicos de Melide —tamén dende hai anos— son as diversas feiras que acolle a vila ao longo do ano. A súa posición xeográfica no mapa galego, no medio de rutas clave —a de Ourense á Coruña e a de Lugo a Santiago, ademais de varios itinerarios do Camiño—, fai que a Melide chegue xente de moitos lugares diferentes.

viños 2"Onde hai feira, hai que beber e comer", di Xosé Manuel Broz, "e o viño sempre foi ben recibido por todos". "Ata os anos 70 as feiras viñan durando todo o día", relata, "pero segundo se foi estendendo o uso dos coches, a súa duración foi minguando".

Algunhas tendas e ultramarinos mesmo tiñan comedores na súa parte traseira onde deixaban repoñerse aos feirantes a cambio de que lles compraran viño e pan.

Aínda que eses vellos costumes quedaran atrás co paso das décadas, deixaron tras de si unha influencia innegable. Chega con percorrer a chamada zona dos viños —o nome tamén vai adiantando o que un se vai encontrar— durante a fin de semana para darse de conta. Nesta área do casco vello de Melide, que se filtra dende a beira da Rúa Progreso, encóntranse unha longa lista de locais que fan do viño o groso do seu negocio hostaleiro.

"Si que é certo que a afluencia baixou un pouquiño, pero tamén é normal ao haber unha oferta máis ampla", conta Jesús Peón Mosquera

ANTIGÜIDADE. Varios destes establecementos roldan —e mesmo superan— o medio século de vida. O máis antigo deles é o bar Liñares, aberto dende os anos 50. "Melide cambiou moito dende aquela", di José Manuel Sexto Méndez, actual xerente do local. O negocio, segundo conta, foi aberto por seu pai "nunha época ben distinta". A crise e a ampliación da oferta de restauración na vila "quitaron moito ambiente á zona, sobre todo durante os días de entre semana", explica José Manuel.

A pouco máis de tres pasos do Liñares —así se miden as distancias na zona dos viños de Melide— atópase o bar Esquina, outro dos establecementos máis lonxevos. "Si que é certo que a afluencia baixou un pouquiño, pero tamén é normal ao haber unha oferta máis ampla", conta Jesús Peón Mosquera, dono do bar.

En canto aos consumidores, Jesús admite que "hai algo de todo, de idades dispares, pero con preferencias moi distintas a hai anos". "No Esquina xa quitamos as cuncas. Agora o que nos piden son viños de marca, non o da casa", explica.

Na mesma liña, Ángeles Pena e Jesús Segade, propietarios do bar Cepa e a Adega Mandil, respectivamente, explican que a maioría dos clientes achéganse as fins de semana. "Agora hai moita máis oferta, quizais esa é a razón do pequeno descenso de clientes na zona", di Ángeles. Os seus locais, tamén negocios familiares, roldan xa o medio século de existencia.

Comentarios