Rescatan na Ulloa outras dúas pombas mensaxeiras extraviadas en Portugal

As aves acabaron en Galicia por causa das borrascas vividas nos últimos días
Una de las aves. EP
photo_camera Unha das aves. EP

Vecinos da Ulloa atoparon este fin de semana outras dúas pombas mensaxeiras que, como a achada hai uns días en Triacastela, extraviáronse nunha proba do Algarve ao Porto, crese que polo tempo tormentoso, e percorreron centos de quilómetros ata chegar a terras lucenses.

Unha das pombas foi localizada o sábado por unha veciña en Avenida do Marco de Monterroso e tras comunicar o achado, fixéronse cargo da ave efectivos do GES con sede no concello.

Este mesmo grupo de urxencias desprazouse o domingo a Antas para recoller o segundo exemplar, tras recibir o aviso da deputada provincial Pilar García Porto, veciña dese municipio. Segundo compartiu nas redes sociais, esta pomba mensaxeira, que estaba anillada como as restantes aves recuperadas nestes últimos días, apareceu en Gradoi. En todos os casos, estes exemplares chegaron esgotados tras a súa longa travesía, aínda que en bo estado.

Integrantes do GES monterrosino desprazáronse onte pola tarde ata a capital lucense para entregar as dúas pombas achadas na comarca ulloana a integrantes da asociación colombófila galega que xa se fixo cargo da ave que chegou a Triacastela. O colectivo encargarase de devolverllas ao seu dono en Portugal. Ao parecer, na proba lusa extraviáronse decenas das aves e apareceron noutros puntos da comunidade galega como Vigo.

Comentarios