Un veciño de Antas de Ulla, evacuado en helicóptero tras o envorco do seu tractor

O accidentado tivo que ser reanimado por persoal do GES e do 061, e ao peche desta edición recibía atención médica na Uci do Hula
El tractor volcado. EP
photo_camera O tractor envorcado. EP

Un veciño de Antas de Ulla de 79 anos de idade foi evacuado na tarde deste xoves en estado grave nun helicóptero medicalizado tras envorcar o tractor co que estaba a rozar unha leira e quedar atrapado baixo o vehículo agrícola. O accidente tivo lugar no lugar de Velanxil, na parroquia de Peibás, ao redor das 19.00 horas.

Foi o fillo do accidentado, que se atopaba con el na leira, o que chamou á central de coordinación de urxencias do 112, ao non poder liberar ao seu pai. A rapidez da chegada do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Monterroso e do helicóptero medicalizado foron determinantes para salvar a vida deste veciño.

Por unha banda, os operativos do GES procederon inmediatamente á súa excarceración e, unha vez liberado, tivéronlle que practicar a reanimación cardiopulmonar, pois perdera o pulso. Esta manobra foi realizada de forma conxunta entre os efectivos deste corpo e os sanitarios do 061, e seguindo todos os protocolos de seguridade vixentes na actualidade para previr a expansión do coronavirus. á leira tamén se desprazou unha patrulla da Garda Civil de Monterroso, reforzada posteriormente por operativos da Benemérita do destacamento de Palas de Rei.

A central do 112 Galicia tamén mobilizou aos bombeiros do parque comarcal de Chantada, aos que se lles avisou de camiño que xa non era necesaria a súa intervención, polo que regresaron á súa base.

NA UCI. Tras conseguir estabilizar o pulso e respiración do septuaxenario cunha reanimación que durou varios minutos, o helicóptero medicalizado do 061 trasladou a este veciño de Antas, que aínda permanecía inconsciente, ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde ao peche desta edición estaba a recibir atención médica na Uci.