Varios cortes de luz provocan malestar entre os veciños de Palas de Rei

Afectaron a máis de 700 clientes e Fenosa di que as avarías están emendadas

Una bombilla. AEP
photo_camera A subministración eléctrica de Palas de Rei funciona con normalidade desde este mércores. AEP

Unha serie de avarías na subministración eléctrica de Palas de Rei provocou que máis de 700 veciños quedasen sen luz intermitentemente ata principios de semana. Os cortes, que se sucederon ao longo de catro días, serviron para que os operarios puidesen arranxar as deficiencias nas instalacións.

A primeira das incidencias tivo lugar o sábado pola tarde, cando un transformador situado no lugar de Salaya sufriu unha avaría. Varios núcleos de poboación quedaron sen corrente eléctrica desde pasadas as seis da tarde ata preto das tres da madrugada. As case nove horas de interrupción no servizo supuxeron un atranco para varios veciños afectados, que tiveron que recorrer a xeradores eléctricos no caso de necesitar urxentemente corrente eléctrica.

Poucas horas máis tarde, pasadas as doce da noite do domingo, sucedeu outro contratempo no cableado subterráneo á saída da subestación eléctrica de Palas de Rei. En total, máis de 700 clientes do centro urbano e das zonas próximas víronse afectadas por cortes intermitentes de entre vinte minutos e hora e media. Os traballos de reparación dos operarios prolongáronse durante dous días máis, nos que proseguiron as alteracións no servizo ordinario.

O malestar entre os veciños afectados foi en crecemento durante os días no que levaban a cabo os arranxos. Algúns clientes de Fenosa queixáronse de que, a pesar de que a maioría de cortes eran breves, supuñan un encordio para o uso de servizos como o caixeiro automático ou as máquinas das cafeterías. Unha parte da poboación afectada acusou tamén á compañía eléctrica de non ofrecer información das incidencias nin solucións o suficientemente rápidas.

Desde Fenosa confirmaron que ambas as avarías xa foron reparadas e que a subministración eléctrica de Palas de Rei funciona con normalidade desde este mércores.