O ulloano que ideou matar á súa muller en Venezuela busca que a Onu revise o seu caso

Jesús González Quintá, condenado a 22 anos de prisión por ese crime, di que admitiu os feitos porque o estaban torturando

González Quintá, en 2015. EP
photo_camera González Quintá, en 2015. EP

Jesús González Quintá, o ulloano ao que a Xustiza venezolana condenou en 2015 a 22 anos de prisión por idear un plan para asasinar á súa muller, María Liz Cristaldo, en Venezuela busca fórmulas para que o seu caso sexa revisado polo tribunal de dereitos humanos da Onu.

O condenado, que na actualidade cumpre a súa pena no centro de Monterroso tras ser extraditado do país americano a finais do pasado ano, asegura que se no seu día admitiu os feitos foi porque estaba a ser torturado e tamén porque facelo permitíalle axilizar o proceso de extradición.

A familia de González Quintá recorda, neste sentido, que os demais detidos en relación a este caso aínda permanecen ingresados nunha prisión venezolana á espera de que se celebre o xuízo. "De non declararse culpable, o meu tío aínda atoparíase nunha desas prisións sufrindo unhas condicións de vida deplorables catro anos despois de que sucederan os feitos", salienta a súa sobriña Lucía González.

O avogado lucense Antonio Nieto cre que aínda que hai base suficiente como para levar o caso aos tribunais da Onu, as dificultades que se expoñen son moitas.

"A vulneración sistemática dos dereitos humanos en Venezuela é algo que avalan numerosos informes", argumenta o letrado, quen, no entanto, recoñece que levar o caso á Onu "supón iniciar trámites moi complexos, que deben levar especialistas na materia e que a min, sinceramente, escápanseme".

A familia de González Quintá tamén asegura que iniciar un proceso destas características supón uns gastos moi elevados "aos que dende logo non lles podemos facer fronte".

É por este motivo que a familia está a intentar porse en contacto con algunha ONG especializada na defensa de dereitos humanos, que os axude a contactar "con algún avogado especialista neste tipo de casos".

Segundo Lucía González, o seu tío "sempre defendeu a súa inocencia e se foi incriminado polos outros detidos é porque a xustiza venezolana castiga con máis dureza ao ideólogo do crime que ao executor do mesmo. Actuando deste xeito, o que fixeron estas persoas foi conseguir que cando se celebre o xuízo a acusación lles pida unha pena de prisión máis baixa, porque teoricamente actuaron como sicarios".

Jesús González sempre dixo que o 15 de decembro de 2014 el e a súa esposa foron vítimas dunha emboscada, xa que un taxista levounos enganados a un escampado onde foron atracados. Cando os deixaron fuxir á carreira, unha bala perdida disparada por un dos ladróns acabou coa vida da muller. A Policía venezolana non creu a versión e acabou detendo a González por idear o crime.