Trasladada ao Clínico unha veciña de Melide tras ser atropelada no seu garaxe

A muller resultou ferida de consideración nunha perna cando un familiar a alcanzou ao arrincar un vehículo que estaba estacionado
Hospital Clínico Universitario de Santiago (Chus). EP
photo_camera Hospital Clínico Universitario de Santiago (Chus). EP

Unha veciña de Melide tivo que ser trasladada este xoves ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela tras ser atropelada no garaxe do seu domicilio, no lugar do Castiñeiro, no mesmo termo municipal.

O accidente ocorreu ás 15.00 horas, cando o seu propio fillo dispúxose a arrincar o vehículo estacionado ata ese momento. Ao realizar unha manobra co mesmo, en marcha atrás, alcanzou á súa nai.

A muller, maior, permaneceu consciente en todo momento, segundo indican desde o operativo que a atendeu, pero sufriu danos de consideración nunha perna, polo que tivo que ser trasladada ao hospital.

AMPLO DISPOSITIVO. A central galega de urxencias do 112 mobilizou de forma inmediata a Urxencias Sanitarias de Galicia, que nun primeiro momento solicitou a saída do helicóptero medicalizado que ten a súa base en Santiago de Compostela, aínda que esta opción foi finalmente descartada xa que a muller puido ser trasladada nunha ambulancia.

A central do 112 tamén informou aos bombeiros de Arzúa, aínda que a súa intervención non chegou a ser necesaria porque o alertante da urxencia explicou que a afectada non estaba atrapada no vehículo.

Ao lugar si se desprazaron efectivos da Policía Local de Melide e integrantes de Protección Civil da mesma localidade. A central galega de urxencias puxo tamén o suceso en coñecemento do subsector de Tráfico da Garda Civil, cuxa actuación finalmente tampouco foi requirida.