A sexta ITV da provincia de Lugo empezarase a construír en Palas en 2023

A nova estación fixa unirase ás que xa funcionan en Lugo, Monforte, Vilalba, Viveiro e Foz
Alberto Zaldívar, Pablo Taboada, Paula Uría y Javier Arias, este miércoles en Palas de Rei. EP
photo_camera Alberto Zaldívar, Pablo Taboada, Paula Uría y Javier Arias, este mércores en Palas de Rei.

Lugo contará cunha nova estación fixa de ITV, concretamente, coa que se empezará a construír o próximo ano na nova fase do polígono empresarial de Palas de Rei. Unha vez que entre en funcionamento será a sexta instalación deste tipo que funcione na provincia, xunto ás de Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Foz.

A empresa SyC-Applus, concesionaria do servizo en Galicia, será a encargada de construír esta nova nave, o que suporá un investimento estimado de dous millóns de euros, segundo avanzou Alberto Zaldívar, representante da compañía.

O anuncio desta nova instalación realizouse este mércores en Palas de Rei nun acto no que, ademais de Zaldívar, estiveron presentes a secretaria xeral de Industria, Paula Uría; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde da localidade, Pablo Taboada, acompañados polo resto de membros da corporación municipal.

Para Paula Uría, a entrada en funcionamento desta nova estación fixa "situará a Palas de Rei na vangarda da innovación e da sustentabilidade".

O rexedor palense mostrou, pola súa banda, a súa satisfacción polo feito de que a empresa concesionaria do servizo decidísese pola localidade para construír esta nova estación fixa: "Tratase dun importantísimo servizo non só para o municipio, senón para toda a comarca da Ulloa e concellos limítrofes, cuxos veciños poderán pasar aquí as inspeccións dos seus vehículos, sen ter que realizar desprazamentos maiores". Pablo Taboada tamén fixo fincapé na estratéxica localización deste novo servizo, "en pleno centro de Galicia".

CARACTERÍSTICAS. A nova nave que acollerá a estación fixa de Palas de Rei empezarase a construír ao longo do próximo ano, co obxectivo de que xa estea operativa en 2024. Esta instalación, que ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados na nova fase do polígono empresarial, contará con dúas liñas de inspección que darán servizo a un parque de preto de 40.000 vehículos, entre turismos, camións, autobuses, motos e maquinaria agrícola.

O concello con máis coches por habitante
O feito de que SyC-Applus elixa Palas de Rei como o lugar adecuado para construír a súa nova estación fixa de ITV na provincia non é casual. E é que, ademais de por a súa estratéxica localización no centro de Galicia, esta localidade ulloá presenta curiosas singularidades, como a de ser o municipio galego cun maior número de vehículos por habitante —o parque total de vehículos domiciliados supera os 7.000— e é o segundo concello da provincia por número de matriculacións. Concretamente, segundo datos da DGT, o pasado ano matriculáronse na localidade 400 novos vehículos, unha cifra que unicamente superou Lugo capital.
SyC-Applus
A empresa concesionaria do servizo da ITV en Galicia conta na actualidade cun total de 26 estacións fixas distribuídas entre as catro provincias. A Coruña e Pontevedra contan con oito cada unha Ourense e Lugo teñen cinco.

Comentarios