A RPT do Concello de Monterroso incrementará un 5% a partida de persoal

O pleno aprobou de forma unánime o documento que regula os postos, salarios e funcións dos traballadores da entidade

Miguel Rico, en el centro. AEP
photo_camera Miguel Rico, no centro. AEP

A corporación do Concello de Monterroso aprobou no seu último pleno o texto definitivo da Relación de Postos de Traballo (RPT), que serve para regular os postos, funcións e salarios dos case medio centenar de traballadores da entidade local. A aprobación do documento, que acabará coa precariedade laboral entre os traballadores do Concello, suporá, segundo fontes municipais, un incremento da partida de persoal nos próximos orzamentos dun 5%, o que se traduce nuns 125.000 euros.

O documento afecta a todos os funcionarios e traballadores municipais, incluídos o persoal do GES, Protección Civil e servizos sociais, entre outros.

Toda a corporación municipal votou de forma unánime a favor da aprobación do documento, en cuxa elaboración se contou tamén co respaldo dos traballadores e o consenso das distintas forzas sindicais.

A RPT de Monterroso publicarase ao longo dos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), aínda que a súa entrada en vigor non está prevista ata o próximo 1 de xaneiro de 2019.

Este novo documento achegará un maior respaldo legal aos traballadores e terminará coa precariedade e desigualdade nalgúns postos. Neste sentido, fontes municipais destacaron que o novo marco normativo regulará as remuneracións relativas a cada posto en concreto, establecerá o marco normativo que regule as condicións de provisión dos postos de traballo e converterase nun instrumento indispensable na consolidación de postos municipais e a funcionarización dos servizos necesarios.

A principios de 2019, o Concello tamén prevé pór en marcha unha oferta pública de emprego para crear 30 novas prazas

Segundo explica o portavoz do grupo de goberno local, Jesús Otero, entre as vantaxes da RPT destaca, por exemplo, a regularización das condicións dos traballadores da residencia de maiores, o que segundo el, "evita conflitos como os que actualmente ten a Deputación con Suplusa ao redor da apertura dos xeriátricos e, ademais, permite que a xestión do centro monterrosino sexa completamente municipal".

A aprobación da RPT tamén permitirá unha vez que entre en vigor, a principios do próximo ano, que o Concello poida pór en marcha unha oferta pública de emprego, que suporá uns 30 novos postos de traballo.

Desde o Concello monterrosino tamén agradeceron o "gran traballo" realizado polo departamento de recursos humanos da Deputación Provincial de Lugo á hora da elaborar o documento.

OUTRAS CUESTIÓNS. Entre os outros puntos da orde do día tratados no último pleno municipal, destacou a aprobación dunha modificación de crédito de 84.000 euros, que, entre outros apartados, irán destinados a habilitar novas prazas de aparcadoiro e reformar varias beirarrúas do centro urbano.

O rexedor monterrosino, Miguel Rico, detallou que da cantidade total engadida ao orzamento, uns 30.000 euros destinaranse a obras que permitirán a creación de medio centenar máis de prazas de estacionamento, mentres que outros 15.000 utilizaranse para melloras de accesibilidade das beirarrúas. "Da cantidade total, tamén utilizaremos 25.000 euros para amortización de débeda", indicou.

Comentarios