Rouban unha guitarra e un violín dun local de ensaio de Melide

Os instrumentos pertencen ao grupo Cuarta Xusta, que poucas horas despois do suceso daba un concerto en Outeiro de Rei

Os compoñentes da banda de rock Cuarta Xusta levaron un bo susto a tarde do sábado, cando se dispuñan a viaxar a Outeiro de Rei, onde ás 20.00 horas tiñan que dar un concerto na Casa Manuel María. Cando pouco antes de partir, os membros deste quinteto melidense foron ao seu local de ensaio a recoller todo o necesario para a súa actuación, atopáronse co material desordenado, as fechaduras dalgúns dos estoxos dos instrumentos forzadas e outros danos.

Os ladróns accederon ao interior do baixo a través dunha fiestra cuxo cristal romperon. Unha vez dentro, revolveron todo o material en busca non só de levar algún instrumento, senón tamén coa intención de facerse co diñeiro que o grupo gardaba das súas últimas actuacións e co que tiñan previsto custear os gastos de gravación do seu segundo CD.

Entre o botín que levaron os asaltantes destaca unha guitarra acústica, un violín e unha cantidade de diñeiro, que aínda está pendente de cuantificar. Con todo, os ladróns tamén causaron outras desfeitas tanto na fiestra pola que entraron como na batería, sobre a que caeron ao acceder ao interior do local.

Marta Sánchez, unha dos integrantes deste quinteto, sinalou que tamén "había varias pechaduras de estoxos de instrumentos forzadas, aínda que non lograron levarse nada do interior". O grupo traballaba este domingo para cuantificar tanto os danos como o subtraído, co fin de interpor a correspondente denuncia.

Este triste episodio non evitou, con todo, que a banda actuase en Outeiro de Rei, tal e como tiña previsto. "Afortunadamente non se levaron todo e entre o que deixaron estaban os instrumentos que normalmente utilizamos nas nosas actuacións", sinalou Marta.

Gravación aprazada. Esta violinista e guitarrista tamén se mostrou esperanzada con que este roubo non interfira demasiado nos plans que ten o grupo para os próximos meses. "O diñeiro que tiñamos gardado no local era para gravar o noso segundo CD, un proxecto no que queriamos empezar a traballar o próximo mes, pero que agora terá que esperar", lamentou.

Cuarta Xusta —integrado por Marta Sánchez, Alberto García, Aida López, Alba Vilariño e Lúa Aguete— é un dos grupos galegos de rock con maior proxección. As súas letras reivindicativas fixéronlle ser os gañadores do concurso Cantalingua e o seu primeiro CD, Un novo espertar, está a ter unha excelente acollida.

Comentarios