A retirada do orzamento provoca o bloqueo municipal en Monterroso

O alcalde optou por non sometelo a votación ante o rexeitamento dos independentes e o PP. A coalición de goberno e a oposición acúsanse mutuamente da crítica conxuntura
2020013115501355417
photo_camera O pleno dos orzamentos atraeu a atención de decenas de veciños. SEBAS SENANDE

O alcalde monterrosino, Antonio Gato, optou por retirar os seus orzamentos para este ano, e non sometelos a votación, ante o rexeitamento da oposición, maioritaria, formada polas súas excompañeros de Independentes de Monterroso e o PP. Esta situación acentúa o bloqueo da xestión municipal, da que se culparon mutuamente a coalición de goberno e a oposición.

A pesar da presión veciñal, reflectida no caldeado ambiente no salón de sesións, Partido Popular e IxM non lle deron o visto e prace ao proxecto presentado polo rexedor, que é quen ten a prerrogativa legal da tramitación, e os seus socios de goberno do PSOE e Compromiso por Galicia. A manobra de presentación previa das contas ante unha asemblea veciñal marcou a sesión, pero non serviu de nada.

"A moción de censura terá que esperar. Terá que esperar vostede o seu momento", manifestou Gato en alusión á portavoz de IxM, Rocío Seijas. Esta frase resume un pleno que evidenciou as diferenzas entre dúas partes pechadas ao diálogo.

Antonio Gato definiu o orzamento, cuxa contía ascende a 2.696.926 euros, como "un compromiso compartido co pobo", que buscaba a dinamización da economía local. De aí a aposta no apartado de investimentos reais, que ascendía a 383.873 euros, en actuacións enfocadas a recuperar «un concello moribundo".

O portavoz de CxG, Xabier Vázquez, recalcou a necesidade de aprobar as contas para evitar "efectos colaterais" como a suspensión das subvencións nominativas a colectivos sociais e deportivos se se prorrogan os actuais orzamentos. O socialista Rafael García Figueiras precisou que os investimentos previstos poderían xerar un millón de fondos para obras coas axudas doutras administracións.

O socialista Rafael García Figueiras non terá dedicación exclusiva como tenente de alcalde ao votar en contra a oposición

A oposición dedicoulle máis tempo á lectura dun memorial de agravios, a modo de resumo dun complicado mandato, que na análise das contas. Eloy Pérez Sindín, portavoz do PP, negouse a blanquear "co noso voto a precariedade dun goberno que aposta pola confrontación coa veciñanza e a vía dá imposición". Solicitou un "documento realista que contemple investimentos perentorios ante a situación de endebedamento".

Rocío Seijas denunciou "investimentos inflados para ocultar a mala xestión". Aludiu ao déficit que se arrastra no financiamento de varios servizos, debido en parte aos defectos da Relación de Postos de Traballo, o que obrigou a aprobar despois un recoñecemento extraxudicial de créditos para afrontar pagos do ano pasado.

A confrontación entre Gato e Seijas orixinou os momentos máis tensos. O rexedor explicou que si presentou o proxecto ao PP, pero non a IxM, que acudiron ao xulgado para tratar de expulsalo do grupo tras romper con el.

A oposición botou por terra a dedicación exclusiva para García Figueiras, que seguirá cobrando polo seu labor na Deputación.

Comentarios