Regresa á súa casa a peregrina que estaba confinada en Palas de Rei e deu negativo

As outras oito atópanse illadas nun albergue da localidade ulloana
Camino de Santiago. EP
photo_camera Camiño de Santiago. EP

Unha das nove mozas que viron como o coronavirus abortaba a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela á altura de Palas de Rei regresou este luns a súa Huesca natal. Trátase da única do grupo de amigas que non deu positivo.

As outras oito atópanse illadas nun albergue da localidada ulloana unha vez que a que foi trasladada ao hospital de Santiago con febre, volveu co resto de peregrinas ao mellorar da súa enfermidade.

Esta moza, que chegou desde Mallorca, foi a primeira que empezou a sentirse mal o sábado. Acudiu a un centro de saúde, onde lle dixeron que debía confinarse ata o día seguinte, cando se tiña que desprazar a Lugo a realizar unha PCR.

Sete das peregrinas, estudantes en Madrid, son asintomáticas

Un familiar doutra das peregrinas viaxou ata Palas, onde a recolleu para despois trasladala ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde deu positivo e quedou ingresada.

Tras regresar este luns a Palas, uniuse ás súas sete compañeiras, todas estudantes en Madrid, que permanecían asintomáticas, para pasar o que lles resta de corentena.

O estado de ánimo das mozas é bo despois do susto inicial e desde que teñen comunicación fluída coa Xunta de Galicia, que lles axudou cos trámites do seguro covid.

Ademais, unha das peregrinas é de Santiago e o luns os seus familiares achegáronse a Palas de Rei para levarlles libros e xogos de mesa para que os días se lles fagan máis levadíos.

Comentarios