Promoven unha residencia de maiores privada de case 50 prazas en Palas de Rei

Os impulsores do proxecto empezaron a tramitar as licenzas

Unha sociedade mercantil formada por un grupo de emprendedores moi vinculados a Palas proxectan a construción dunha residencia de maiores, con capacidade para "48 ou 49 internos", segundo desvelou a este medio un dos responsables do proxecto que, de momento, prefire permanecer no anonimato.

Os promotores da iniciativa xa formalizarían a operación de compra do solar onde se levantará o edificio que albergará o novo xeriátrico. Trátase dunha parcela situada en pleno centro urbano, da que destacan a súa estratéxica localización.

Ademais da parte residencial propiamente dita, o edificio albergará outros servizos que redundarán no beneficio dos residentes, como cociña, comedor ou varias salas multiusos, entre outras instalacións.

De feito, un dos principais obxectivos dos responsables desta iniciativa é ofrecer aos residentes toda unha serie de servizos complementarios, como fisioterapia e animación sociocultural, para o que xa traballan na elaboración dun programa de actividades, que se iría implementando progresivamente en función da posible demanda dos usuarios.

"Tamén potenciaremos o servizo de enfermería, que pretendemos estea asociado ao PAC de Palas", sinala un dos promotores, quen, no entanto, evita concretar prazos sobre a posible data de apertura do centro. "Estamos no proceso de obtención das diferentes licenzas, polo que nestes momentos dependemos dos prazos de concesión das mesmas para poder concretar os prazos de apertura. En todo caso, a nosa intención é que unha vez que estean todos os papeis en regra poder empezar canto antes coas obras", indica esta persoa.

EMPREGO. A construción deste novo xeriátrico en Palas de Rei non só é unha boa noticia para os potenciais usuarios do centro, senón que tamén suporá unha nova fonte de emprego.

Segundo as primeiras estimacións, a posta en marcha do xeriátrico suporá, unha vez que estea en pleno rendemento, a creación de ao redor dunha vintena de postos de traballo, entre auxiliares, persoal de cociña, fisioterapeutas e persoal sanitario, entre outros profesionais.

Aínda que este proxecto é de carácter totalmente privado, os seus promotores tamén esperan poder ofrecer algunhas prazas concertadas.

Comentarios