Preto de 50 produtores da Ulloa len un manifesto en contra de Altri

Empresarios, hosteleiros, fornos de pan, grupos de consumo e consellos reguladores de denominacións de orixe apoiaron o texto, titulado 'Somos fillxs dunha paisaxe que nos alimenta, que é o noso fogar. Somos irmáns de terra, aire e auga'
Manifesto contra Altri de produtores da Ulloa
photo_camera Manifesto contra Altri de produtores da Ulloa

Preto de 50 produtores e empresarios da comarca da Ulloa leron esta mañá un manifesto en Monterroso, en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei, que tamén foi apoiado por representantes de distintas asociacións e de consellos reguladores de denominacións de orixe. O título do escrito, 'Somos fillxs dunha paisaxe que nos alimenta, que é o noso fogar. Somos irmáns de terra, aire e auga', xuntou tamén sinaturas de hosteleiros, padarías ou grupos de consumo.

O manifesto fai fincapé "no actual contexto de cambio climático, case que de emerxencia climática" no que os sistemas produtivos vense no reto de facerse sostibles. Nese contexto, destacan o valor para o conxunto da sociedade de "produtoras e produtores, auténticos axentes ambientais que coidamos do territorio, un territorio que da vida e alimenta, facendo un uso respectuoso dos recursos, producindo alimentos de calidade".

O texto destaca o compromiso da Unión Europea coa biodiversidade na senda da recuperación ata o ano 2030, "un compromiso que inclúe a creación de espazos protexidos que abarquen como mínimo o 30% da superficie terrestre e mariña da UE, ampliando a cobertura dos espazos de NATURA 2000 existentes". Neste sentido, amentan a restauración e protección de hábitats e ecosistemas, e tamén "a economía circular e dun modelo de xestión territorial que permita adoptar sistemas circulares de produción e consumo".

Neste contexto, denuncian que "o noso territorio está en perigo, a nosa biodiversidade, hábitats de elevadísimo valor ecolóxico e paisaxístico, está en perigo. A nosa auga, un ben para as comunidades naturais, patrimonio que nunca debería cederse ao interese económico en detrimento do seu papel ambiental e vital para as especias, entre elas a nosa, está en perigo. O noso tecido socioeconómico, que
resultou ser un modelo exitoso de fixación de poboación e de cohesión territorial, está en perigo. O noso sistema agrogandeiro, cun peso importante das producións diferenciadas e garantistas cos obxectivos recollidos nas políticas do marco europeo, está en perigo; do mesmo xeito que está en perigo o noso modelo de desenvolvemento industrial, ligado en gran medida a ese sistema agrario, que permite pechar o ciclo produtivo e valorizar o noso territorio e as nosas produccións. A nosa propia vida, a nosa saúde, tamén se enfronta a unha ameaza sen precedentes. En definitiva, a nosa paisaxe está en perigo, e dese xeito, tamén as nosas formas de vida que modelan esa paisaxe dunha maneira respectuosa e consciente".

Entre os asinantes atópanse empresas como Pazo de Vilane, Milhulloa, Granxa Maruxa, Traloagro, Arqueixal ou panadería Manso, entre outras. Tamén restaurantes como a Parada das Bestas, asociacións como a Eira da Xoana ou organizacións como as denominacións de orixe de Queixo de Tetilla e Arzúa Ulloa ou Fademur, entre moitas outras.

Comentarios