A piscina cuberta de Monterroso cumprirá o seu cuarto ano sen funcionar

A Deputación solucionou todas as deficiencias da obra, pero o Concello pide máis reformas

O proceso para pór en marcha o complexo polideportivo de Monterroso, que inclúe unha piscina climatizada, vai camiño de converterse nunha historia tan interminable como vergoñosa. As instalacións, que levan rematadas desde o ano 2014, continuarán unha tempada máis, e xa van catro, sen abrir. O goberno local négase a recibir a obra mentres que a Deputación non asuma o custo de novas reformas. Concretamente, pide a construción dun novo vestiario debaixo das bancadas, co fin de que os usuarios do polideportivo e da piscina non teñan que utilizar o mesmo, e a apertura dunhas ventás que permitan a entrada de luz natural á zona da cancha de xogo.

Desde a Deputación explican que esas melloras non estaban incluídas no proxecto da obra e, aínda que en principio non se negan a asumir estes traballos -que suporían un investimento adicional duns 137.000 euros-, afirman que a día de hoxe as instalacións están totalmente listas e acondicionadas para que o Concello poida abrilas ao público.

Ademais, desde a área de deportes da entidade provincial, que dirixe Pablo Rivera, afirman que o Concello monterrosino non realizou ningún tipo de petición oficial para demandar estas reformas e que o goberno local só se limitou "a facer un comentario ao deputado Pablo Rivera cando en 2017 visitou a instalación".

Aquela visita estivo vinculada, de feito, á supervisión doutra serie de traballos levados a cabo pola Deputación de cara a emendar algunhas deficiencias detectadas no remate da obra, tales como algunhas filtracións no vaso da piscina, o que provocaba perdas de auga.

Solucionado ese problema, o goberno local recoñeceu que a piscina estaba "lista para abrir". Aínda así, decidiu volver atrasar a súa entrada en funcionamento, argumentando que, a esas alturas de ano, un importante número de potenciais usuarios xa formalizaran a súa inscrición en piscinas de localidades próximas, o que lle restaría afluencia.

O compromiso nese momento pasou a que a instalación se abriría en 2018, algo que tampouco sucederá, debido ás novas demandas expostas.

Comentarios