Palas de Rei recibirá máis de 800.000 euros para obras de mellora no Camiño

Os proxectos previstos inclúen a remodelación do albergue da Xunta na vila e actuacións en San Xiao e no acceso á igrexa de Vilar de Donas
Alfonso Rueda e Pablo Taboada. EP
photo_camera Alfonso Rueda e Pablo Taboada. EP

O Concello de Palas de Rei acadou fondos para a execución de diversos proxectos de mellora de infraestruturas na contorna do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. O investimento previsto supera os 800.000 euros, procedentes de aportacións autonómicas e estatais, segundo informou o rexedor palense, Pablo Taboada, que mantivo unha reunión co titular da Vicepresidencia Primeira da Xunta, Alfonso Rueda.

O goberno galego financiará con 350.000 euros as obras de remodelación do albergue de peregrinos de titularidade autonómica, situado no centro da localidade, "que xa están adxudicadas e comezarán nos vindeiros días", manifestou Taboada.

A realización destes traballos obrigará ao peche provisional das instalacións, que teñen capacidade para acoller sesenta camiñantes e para cuxa utilización é necesario levar a credencial xacobea.

Da mesma maneira, tamén se desenvolverán "pequenas obras de reforma e mellora noutros albergues situados no municipio, concretamente nos ubicados no Mato-Casanova, nos Chacotes e no de Seixas, en Merlán", engadiu Pablo Taboada.

Tamén se dedicará un importante orzamento a obras de mellora en espazos públicos. Na parroquia de San Xiao do Camiño están programadas melloras por importe de 323.000 euros, con cargo ao 1% cultural, que financia o Ministerio de Transportes e Mobilidade. A actuación contempla arranxos nos arredores da igrexa e nas marxes do Camiño ao seu paso por este núcleo.

Tamén se farán labores de adecentamento do acceso do Camiño Francés cara a monumental igrexa de Vilar de Donas, coñecida polos seus murais. O investimento previsto neste lugar ascende a 33.000 euros.

Pablo Taboada precisou que tamén se acometerán obras de embelecemento e posta en valor de varios puntos no Camiño ao seu paso polo concello. O rexedor palense destacou "o importante esforzo económico que se está a facer nestes anos santos de 2021 e 2022, co obxectivo de potenciar os recursos turísticos do municipio".

Comentarios