Pas amplía tres anos máis a exención da taxa de terrazas para a hostalería

Os hostaleiros tampouco pagarán este exercicio o recibo do lixo, no que se mantén un desconto do 10% para a veciñanza
Pablo Taboada. EP
photo_camera Pablo Taboada. EP

O goberno municipal de Palas de Rei deseñou unha nova batería de medidas co fin de paliar os danos económicos causados pola pandemia na economía local. Trátase de bonificacións e exencións de impostos, que nalgúns casos reforzan as xa aprobadas o ano pasado. Esta iniciativa pon o foco de forma especial na hostalería, á que eximen da taxa de terrazas e ocupación de vía pública ata que termine o actual mandato. "Xa deixamos en suspenso esta ordenanza non 2020 e agora ampliamos a decisión tres anos máis ao non aplícaa este ano, nin en 2022 e 2023", manifestou o alcalde palense, Pablo Taboada.

A exención da taxa de terrazas beneficia a bares, restaurantes, albergues e hoteis. Os negocios máis pequenos aforrarán ao redor duns 600 euros e os de maior dimensión ao redor de 1.800, segundo indicou o mandatario local.

A hostalería tampouco pagará a taxa de lixo este exercicio, mentres que para o resto dos veciños mantense unha bonificación do 10 por cento, tal como xa se fixo o ano pasado dentro das medidas de índole social planeadas polo goberno palense. Neste ámbito tamén se continúa coa redución do custo do imposto de vehículos de tracción mecánica, que oscila entre a rebaixa do 75% para os eléctricos á do 50% para os de menor eficiencia enerxética. Tampouco se cobrará o imposto de plusvalía, do mesmo xeito que en 2021, nin as taxas do punto limpo.

O grupo de goberno inclinouse pola aplicación destas axudas directas "co fin de eliminar burocracia. Ademais de evitar papelorios, asegurámonos de que ningún pequeno negocio ou un veciño queden sen acceder a elas", recalcou Taboada.

Os hostaleiros interesados en obter unha bonificación no canon da auga deben remitir unha solicitude á Xunta.

O Concello de Pas realiza tamén un notable esforzo en contratacións, con cargo a distintos plans, para frear o impacto da crise sanitaria no emprego.

Comentarios