Pablo Taboada pasa o covid sen síntomas e encomia a xestión do virus en Palas de Rei

Pablo Taboada. EP
photo_camera Pablo Taboada. EP

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, pasa o coronavirus sen síntomas e confinado na súa casa neste municipio da Ulloa. O rexedor leva illado no seu domicilio desde o luns 18 de xaneiro, tras estar en contacto cun positivo. No seu caso, a primeira PCR que lle realizaron arroxou un resultado negativo, pero a do xoves pasado foi positiva

O rexedor encomiou o traballo dos profesionais sanitarios da PAC de Palas en colaboración co servizo de rastreadores do Sergas, "que fixeron un gran traballo en pouco tempo, e un cribado que foi un grande acerto", indicou. 

O médico no centro de Palas, Fernando Pensado, indicou que este cribado de 500 persoas soamente arroxara dous resultados positivos, "o que evidencia o bo traballo feito non rastrexo de casos". Aínda que o número de contagios no municipio é elevado, máis de 75, durante a xornada deste domingo Pensado indicou que só se detectaron dous máis, cando o normal os días anteriores era que houbese oito ou nove. 

Pablo Taboada lamentou ter que estar a pasar un confinamento sen boa conexión de internet, e ter que saír de casa —non hai veciños nun quilómetro á redonda— para poder responder o teléfono. Por esta razón, pediu que os 140.000 millóns para España do fondo de recuperación europeo contemplen a mellora de cobertura no rural para favorecer a vida na aldea. "Con boa cobertura non será fácil, pero sen iso será imposible. É tan importante coma ter boas vías", dixo. 

Doutra banda, a edila do PSOE Ana María Corredoira Vázquez arroxou hai xa varios días o segundo resultado negativo nunha PCR, tras unha corentena preventiva —aínda que se informou por erro de que dera positivo, ela nunca estivo contaxiada—, e retomou a súa actividade habitual.

Comentarios