Obituario: Melide despide o empresario Emilio Ares Lois, a piques de ser centenario

Faleceu o sábado en Lugo e foi soterrado o domingo na vila coruñesa

A Emilio Ares Lois faltábanlle menos de tres semanas para cumprir 100 anos e preparaba xa con ilusión ese aniversario extraordinario do 6 de novembro. Non puido ser. A idade púidolle, aínda que ata o pasado venres permitiulle manterse plenamente san e coas súas ganas de vivir intactas.

Foi un empresario e un traballador incansable, que permaneceu activo ata os noventa anos. Durante a súa longa traxectoria profesional, puxo en marcha diferentes negocios, que continúan en Melide, onde era unha persoa moi coñecida e querida e en cuxo cemiterio parroquial foi soterrado o domingo tras falecer o sábado en Lugo.

Amaba a vida ao aire libre e a natureza, o que o levou a montar unha explotación gandeira e a poñer en marcha numerosas plantacións forestais de eucalipto, castiñeiros e nogueiras. Era un home vitalista, que, ademais de ser feliz no campo, atopaba na mesa, cun bo viño e cunha boa charla, un dos seus maiores praceres. Gustoulle sempre viaxar, tanto por España como por Europa e Arxentina, e era un divertido conversador.

Viúvo de Maruja Rico Ares, deixa catro fillos: Emilio e Andrés, que continúan con algúns dos negocios que el puxo en marcha en Melide; Maruxa, funcionaria da Xunta e esposa do director de El Progreso, Lois Caeiro, e Ramón, xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte.

Comentarios