Monterroso terá o venres novo alcalde

Gato espera blindar a súa investidura co PP, que está "aberto a todas as posibilidades"

Antonio Gato y Rafael García. ARCHIVO
photo_camera Antonio Gato e Rafael García. ARQUIVO

Os veciños de Monterroso saberán o venres quen será o seu alcalde os próximos catro anos. Ese o é día para o que se fixou a sesión de investidura tras o fallo do TSXG que confirmou a vitoria electoral de Antonio Gato (IxM), ao manter a nulidade do voto co que o PSOE aspiraba a lograr un empate a sufraxios.

A corporación quedará formada por catro concelleiros de IxM, tres edís socialistas, tres populares e un de Compromiso por Galicia, un escenario no que o sentido do voto do PP será clave na elección de alcalde.

Gato insistiu onte en que, para blindar a súa investidura como alcalde, espera falar nos días previos ao pleno co grupo popular. Tras as eleccións ofreceulle un goberno de coalición, unha proposta que mantén pero para a que aínda non recibiu resposta.

A cabeza de lista do PP, Eloy Pérez Sindín, avanzou que falará con Gato, aínda que dixo que tamén o fará co resto de forzas. "Non hai nada decidido, estamos abertos a todas as posibilidades", recalcou. Este diario intentou sen éxito recoller tamén unha valoración do PSOE sobre as negociacións previas á investidura.

Comentarios