Monterroso implícase na gala solidaria de 25 Xastres

A asociación reuniu 500 quilos de alimentos para os máis necesitados
2019121615404957354
photo_camera Un momento da gala. EP

Os veciños de Monterroso volveron mostrar a súa cara máis solidaria e abarrotaron na tarde deste domingo o centro sociocultural para asistir a unha gala na que se reuniron alimentos que se repartirán entre as familias máis necesitadas da zona.

A asociación 25 Xastres promoveu un ano máis este evento, que contou con varias actuacións. Un dos integrantes da directiva, Sergio Alba, cifraba na noite do domingo, coa gala aínda en marcha, en preto de 500 quilos a cantidade de comida que se xuntou grazas ás achegas altruístas dos veciños. A entidade entregará estes produtos ao banco de alimentos municipal, que se encargará de distribuílos entre a xente máis necesitada do concello.

Nesta cuarta edición, como nas anteriores, pediuse aos veciños que ao entrar no centro sociocultural deixasen o seu donativo, que debía consistir en polo menos un quilo de alimentos non perecedoiros como pasta, legumes, conservas, fariña, leite ou azucre. Ao final, nese primeiro reconto superáronse as expectativas, xa que, ano tras ano, esa cifra de quilos non deixa de crecer.

O público puido gozar, a continuación, de varios espectáculos. Así, subiron ao escenario os membros da coral Ecos do Ulla, Varela Sax, Zumba Kids Monterroso, os integrantes da asociación cultural Fiadeira, o grupo de danza contemporánea de Falcatrueiros e o mago Marcos Waldemar.

Comentarios