Monterroso contará cun museo dedicado á actividade comercial na Galicia do Antigo Réxime

Os cines galegos repartiranse 350.000 euros en axudas autonómicas e os festivais, case medio millón
Nevada en Monterroso. M.R.
photo_camera Imaxe de arquivo de Monterroso tras unha nevada. M.R.

O Consello da Xunta autorizou este xoves a creación dun novo museo no Concello de Monterroso que estará dedicado á actividade comercial da Galicia do Antigo Réxime.

O nacemento deste museo, que suporá un investimento de 200.000 euros para as arcas autonómicas, permitirá a exhibición do patrimonio doado polo clérigo Carlos Méndez, que durante 50 anos dedicouse a buscar, colleitar e catalogar centenares de pezas.

Estas serán exhibidas no museo xunto con restos históricos de distintas épocas, desde a prehistoria a momentos máis actuais que responden a ámbitos como a cociña, a relixión ou as tradicións.

CINES. Por outra banda, o Consello da Xunta tamén autorizou un programa de subvencións para o mundo da cultura. 

Os cines de Galicia terán á súa disposición unha orde de axudas de 350.000 euros que se repartirán en función do tamaño das salas e que estarán dedicados á adaptación dos espazos e a paliar os efectos da crise do covid-19.

O Consello da Xunta tamén activou outro plan de axudas para o sector dos festivais de música e artes escénicas.

Neste caso, o total do orzamento ascende 540.000 euros para apoiar estas actividades, que se viron interrompidas case na súa totalidade desde hai un ano pola pandemia. A maior parte das subvencións irán parar aos festivais musicais, aos que se destinan 340.000 euros que, como recorda a Xunta, proceden dunha convocatoria que o pasado ano foi suplida por outras "vías de apoio ao sector ante a maioritaria suspensión ou modificación dos seus formatos habituais".

Nas axudas para os cines, o Goberno galego articula as subvencións no formato de concorrencia non competitiva, de modo que os apoios distribuiranse en función das carácteristas do mesmo, como o número de pantallas que dispón, a localidade na que se sitúan e a posible proxección de cintas en versión orixinal.

Comentarios