Monterroso acolle os días 11 e 12 unha nova edición da súa feira de saldos

Haberá varios sorteos de vales de compra por un importe total de 500 euros

Monterroso acollerá os próximos días 11 e 12 de agosto unha nova edición da súa feira de oportunidades, na que ademais dunha ampla oferta comercial, haberá varios sorteos de vales de compra por un importe total de 500 euros.

As casetas instalaranse no espazo da Cúpula e manteranse abertos ao público tanto o sábado como o domingo en horario continuo de 11.00 a 20.30 horas. A entrada á feira será gratuíta.

Ademais, as persoas que realicen as súas compras nalgún dos postos presentes na feira recibirán rifas para poder participar no sorteo de varios vales de compra.

Estes sorteos serán ambos os días ás 20.00 horas. Os gañadores deberán de estar presentes no momento do sorteo, e de non ser así, repetirase ata que apareza a persoa agraciada.

GRANDE OFERTA. O público poderá elixir entre unha grande oferta de produtos de todo tipo, como roupa, calzado, complementos, artigos para o fogar, artesanía, pequenos electrodomésticos e un longo etcétera.

Sen dúbida, trátase dunha excelente oportunidade para poder facerse con produtos de calidade a prezos que resultarán moi vantaxosos.

Esta feira de oportunidades celébrase no municipio monterrosino desde hai varios anos e tradicionalmente conta cunha grande afluencia de público da propia vila e de municipios limítrofes.

O evento está organizado por comerciantes da vila, que ven neste evento unha boa fórmula para atraer clientes e fomentar o comercio local. Colabora tamén o Concello de Monterroso.

Comentarios