jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Solicitan 20 anos para o monterrosino acusado de parricidio en Esporiz

O procesado. J. VÁZQUEZ
O procesado. J. VÁZQUEZ
Está acusado de propinar múltiples patadas e puñadas ao seu pai, que tiña mobilidade reducida, ata causarlle a morte

A Fiscalía pide 20 anos de cárcere para o veciño de Monterroso Pedro López Louzao, de 52 anos, acusado de matar ao seu pai, Ramón Abel Isaac López Vázquez, de 79 anos, na casa familiar da parroquia de Esporiz. O xuízo oral ante xurado celebrarase o mércores e xoves próximos na Audiencia Provincial de Lugo.

O fiscal sostén que se trata dun homicidio co agravante de parentesco. Os feitos sucederon o 18 de marzo de 2018. Na vivenda estaba o fillo do suposto asasino, que durmía nunha das habitacións e non se decatou dos feitos. Instruíu as dilixencias o xulgado de Chantada.

O falecido tiña unha saúde moi precaria e mobilidade reducida, polo que precisaba axuda para actividades básicas. O escrito da Fiscalía precisa que Pedro López Louzao entrou de noite na habitación do seu pai, co que discutiría previamente, entre as 21.00 horas do día 18 e as 00.15 do 19. Aproveitou a debilidade do ancián para darlle múltiples patadas e puñadas e golpealo cun berce metálico que había na estancia. O falecido sufriu numerosas feridas, entre elas a rotura da columna vertebral e un traumatismo cranioencefálico con hemorraxia que causou a súa morte case inmediata.

O acusado estaba en estado de embriaguez no momento dos feitos. Na primeira proba de alcolemia arroxou un resultado de 0,91 milígramos e na segunda, de 0,60. O fiscal entende que puido condicionar o seu comportamento, pero non consta que tivese afectadas as súas facultades para discernir a gravidade das súas accións. A Garda Civil recibiu unha chamada que alertaba do sucedido ás 2.25 da mañá, avisada posiblemente pola nai do fillo do acusado.

Solicitan 20 anos para o monterrosino acusado de parricidio en Esporiz
Comentarios