A memoria da comarca da Ulloa en imaxes

O departamento de fotografía do Instituto de Estudos Ulloáns lanza unha iniciativa para elaborar un arquivo visual da Ulloa
 
undefined
photo_camera Alumnos da escola de don José no Carrizal, en Antas de Ulla, no ano 1966. IEU

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) lanzou unha iniciativa coa que pretende compoñer un arquivo de fotografías antigas creado de xeito colaborativo. Estará integrado por imaxes cedidas polos veciños, coa intención de conservalas e compartilas coa poboación da comarca. Patricia Coucheiro, fotógrafa e profesora de filosofía, e Susana Varela, historiadora da arte, son as impulsoras deste proxecto.

O obxectivo é crear un repositorio dixital aberto coa función de conservar, difundir e facer accesible a todos a memoria da comarca

Segundo conta Patricia Coucheiro, no instituto estiveron dende o principio moi sensibilizados coa cuestión do patrimonio, e xa contaban cun pequeno repositorio de imaxes. "Agora demos un paso máis e buscamos un mecanismo sinxelo e efectivo para que sexan os veciños os que fagan as aportacións en lugar de que o instituto as busque", explica. Susana Varela destaca, por outra banda, a importancia do "carácter colectivo do proxecto, porque non só implica a unión dos veciños da comarca, senón que o propio proceso de selección é unha boa ocasión para reunirse coa familia, propiciar diálogos interxeracionais e recuperar a memoria familiar".

O que resulta máis atractivo para os veciños é recordar como eran os lugares e a xente que coñeceron de novos

Ambas coinciden en que máis alá da conservación, o interesante é que a catalogación e posta en común do patrimonio fotógrafico van permitir realizar unha análise sociolóxica da historia da comarca. "Imos poder facer un varrido de polo menos un século completo, e para iso é moi importante poder comparar elementos que ata agora permanecían illados" detalla Patricia Coucheiro.

Os participantes máis ilusionados son persoas que viven fóra da comarca e de Galicia, que queren ceder as fotos da familia

Determinaron poñerlle límite á antigüidade no ano 2000 porque foi a partir desa data cando comeza a regularizarse a fotografía dixital, e pouco despois o uso masivo de internet e das redes sociais, indica a historiadora. Urxía máis levar a cabo un traballo de conservación da fotografía realizada en soporte físico, moi delicada e difícil de localizar. Coucheiro apunta que tamén era importante incluír as últimas décadas do século XX porque foi cando se comezou a democratizar a fotografía. Sinala que "antes diso ou se trataba dunha familia moi podente ou non era habitual que se fixeran fotos", por unha cuestión de falta de recursos técnicos e económicos.

Para Varela o máis ilusionante de que as imaxes sexan accesibles ao público é que "vai ser moi agradable para os veciños ver fotografías coas que teñen un certo vínculo emocional", pois son testigos da memoria da colectiva. Ademais comenta que moitos dos participantes son persoas que na actualidade viven fóra da Ulloa e incluso de Galicia, pero aos que lles fai especial ilusión compartir a memoria familiar a través das imaxes que aínda gardan.

A catalogación e a propia creación do arquivo son obxectivos a longo prazo, pero van dar pé a outras iniciativas no futuro

As dúas impulsoras do proxecto din que máis alá de conservar as fotografías pretenden "ser ambiciosas e crear un arquivo dispoñible na web e exposicións", explica Susana Varela, "ou publicar un libro, ou unha colección de cromos", completa Coucheiro. Estes son obxectivos a longo prazo que primeiro requiren a implicación dos veciños da comarca, que xa comeza a dar os primeiros pasos.

Como se poden achegar imaxes?
Pódense achegar fotografías de xeito presencial e gratuíto aos establecementos colaboradores -librería Paula en Antas de Ulla, D’papel e Meiga en Monterroso e Gumo máis o estanco de Palas de Rei-. Tamén se poden enviar polas vías dixitais habilitadas, ben a través do correo electrónico [email protected] ou por medio de facebook, instagram e whatsapp nos números 608.04.70.01 e 663.83.65.75

Información adicional
Xunto coas fotografías solicítanse unha serie de datos referentes a elas. Ademais dun título e unha breve descrición do que se ve na imaxe requírese toda a información que se teña dela: data, persoas que aparecen, lugar, etc.

Se o escaneo se realiza nos locais habilitados as fotografías serán devoltas ao momento e remitirase unha copia do arquivo dixitalizado ao correo electrónico que se facilite. Ademais pídese a firma dunha cesión de dereitos na que a persoa colaboradora decide se as imaxes se doan só para a súa conservación e estudo ou se tamén permite a súa difusión.

Comentarios