Medio Ambiente desbloquea as obras do tramo Melide-Palas da A-54 cun cambio de trazado

Suprímese do proxecto o viaduto do Careón co fin de non afectar a zona de especial conservación
Serra do Careón. ARCHIVO
photo_camera Serra do Careón. ARQUIVO

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informou de que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu un informe sobre a proposta de modificación do trazado da autovía Lugo-Santiago (A-54) nun tramo de 3,5 quilómetros entre Melide e Palas de Rei, co que desbloquea a execución das obras.

O cambio exposto, segundo precisa a Xunta, consiste en axustar o trazado da autovía nese punto —entre os quilómetros 1,5 e 5 dese tramo— ao terreo, o que implica construír un ancho de mediana convencional, para "minimizar a súa ocupación e reducir a afección sobre a Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón".

A alternativa informada por Patrimonio Natural contempla, polo tanto, a supresión do viaduto do Careón e a variación do trazado da autovía en alzado, para "maximizar" a súa "adaptación ao terreo", dúas medidas que reducen "a ocupación" desta infraestrutura sobre a zona natural protexida. Tamén incide no deseño do viaduto sobre o río Seco, que pasa a configurarse como "única estrutura apoiada en pilas centrais".

En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente destaca a "necesidade de extremar as precaucións sobre o medio, con medidas para a protección da flora e un programa de reforzo" para a "reintrodución de especies de flora".

Comentarios