Javier Varela: "A maior parte do orzamento municipal vai para servizos sociais e así debe seguir sendo"

Con 54 anos recén cumpridos, Javier Varela Pérez é un dos rexedores máis veteranos da provincia. Accedeu á alcaldía
de Antas de Ulla no ano 1999 e desde entón encadeou mandatos despois de impoñerse con maiorías absolutas nas
sucesivas eleccións municipais. Ese apoio continuado dos veciños é, segundo el, o mellor recoñecemento á súa xestión.

Javier Varela Pérez, alcalde de Antas de Ulla. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Javier Varela Pérez, alcalde de Antas de Ulla. VICTORIA RODRÍGUEZ

A VOCACIÓN polo servizo público é algo que a Javier Varela Pérez lle vén de familia. Este funcionario municipal de profesión e avogado de formación, aínda que recoñece que nunca exerceu como tal, encabezou por primeira vez a lista do Partido Popular á alcaldía de Antas de Ulla en 1999. Foi elixido por maioría absoluta e pasaba así a substituír no cargo ao seu pai, Javier Varela Casal.

Desde que venceu naquelas eleccións de 1999, foi encadeando mandatos, despois de impoñerse con maiorías absolutas nas sucesivas eleccións municipais. Cal é o seu segredo para manter ese apoio durante tantos anos?

Non hai máis segredo que tentar usar o sentido común e traballar para solucionar os problemas do día a día de todos os veciños. Non se trata de anunciar grandes obras, senón dunha xestión diaria que redunde no beneficio de todos.

Ese apoio continuado dálle tranquilidade á hora de presentarse ás próximas eleccións?

Aínda non está confirmado que sexa eu o que encabece a lista para a alcaldía, aínda que si me gustaría seguir. En todo caso, hai que ser consciente de que aínda que leve moitos anos no posto, o Concello non é de ninguén máis que do pobo. Son os veciños os que elixen cada catro anos a quen poñen e a quen quitan e, desde logo, non hai ninguén imprescindible. Hai que seguir traballando con humildade.

Cales son os avances deste último mandato dos que sente máis satisfeito?

O gran compromiso deste Concello cos seus veciños é en materia de servizos sociais. A este apartado destínase a maior parte do orzamento municipal e é algo ao que non estamos dispostos a renunciar, porque debe seguir sendo así. A atención aos maiores e aos dependentes é algo no que nunca escatimaremos esforzos económicos. O outro gran avance foi o PXOM, que está en fase de resolución de alegacións. Lograr sacar adiante este plan de urbanismo, despois de todos os cambios de lexislación e problemas que xurdiron polo camiño, é para nós unha gran satisfacción.

E cales son os retos que se marca para o futuro?

Hai que seguir traballando por mellorar a calidade de vida de todos os veciños. Neste sentido, temos presentados ao GDR tres proxectos para crear novos locais sociais e enchelos de actividades e vida. Tamén estamos a traballar nun proxecto moi ilusionante para que nenos e terceira idade poidan conseguir unha maior interrelación, en base ao intercambio de coñecementos e experiencias. Por suposto, non nos esquecemos doutras necesidades, como universalizar as traídas de auga a todas as parroquias, avanzar na mellora das pistas municipais e, por suposto, poñer en marcha iniciativas en favor da creación de emprego.

O polígono empresarial segue a ser unha asignatura pendente?

En época de Cacharro á fronte da Deputación, esta entidade comezou a adquirir os terreos para realizar o parque empresarial. Durante todo este tempo non se avanzou nada máis e debería ser o goberno provincial o que dese explicacións de por que Antas non ten parque empresarial. Nós seguiremos insistindo en que se faga.

Tamén a residencia de maiores é unha longa demanda.

Así é. A Xunta ten o edificio e a instalación tivo asignación orzamentaria, que non se chegou a executar por mor da crise. Eu só espero que a Xunta acabe esta infraestrutura antes de iniciar outras novas noutros lugares e confío en que en breve haxa algún tipo de anuncio ao respecto.

Sempre se queixou da pouca axuda que lle chegaba desde a Deputación na época do bipartito. Solucionouse este problema co plan único?

Sobrevivimos doce anos nos que o municipio de Antas de Ulla tan só recibía 13.000 euros anuais por parte da Deputación. Co plan único a situación mellorou, sen dúbida, e se se tivese empezado con este plan desde o principio, a nosa situación sería outra. Agora haberá que esperar a ver se ten continuidade e como se aplicará no futuro. Supoño que, por exemplo, haberá compensacións para os concellos nos que non fixeron residencias.

MOI PERSOAL ► "Teño afeccións moi comúns, viaxar é o que máis me gusta"

En que cambiou a política desde que accedeu á alcaldía en 1999 ata a actualidade?

Penso que cambiou moito e, precisamente, non para ben. Creo que antes era máis fácil chegar a acordos, porque todos mirabamos polo beneficio dos veciños. Agora esas mesmas necesidades veciñais utilízanse como armas políticas, non se buscan os acordos senón que priman os intereses persoais, sen importar que un tema necesario para os veciños acabe por bloquearse indefinidamente.

Logra un alcalde dun concello como Antas desconectar nalgún momento das súas obrigas?

Eu teño vocación pola función pública, estou neste posto porque me gusta e, por iso, non serei eu quen se queixe das obrigas que carrexa ser alcalde. É certo que nunca logras desconectar ao cento por cento porque, aínda que esteas de vacacións, sempre estás pendente do teléfono, de que te poidan chamar porque sucedeu algo. Pero é algo que sabes que vai co posto e que, polo menos a min, non me molesta.

E nese tempo libre que queda, que lle gusta facer?

Son unha persoa moi normal cunhas afeccións moi comúns. Viaxar é o que máis me gusta, sen dúbida. Pero non sempre se trata de grandes viaxes, ás veces bástame con desprazarme unhas decenas de quilómetros para chegar a calquera lugar e gozar dun día diferente, no que rompo coa rutina. Tamén me gusta ler a prensa para manterme informado e, por suposto, pasar momentos coa familia e, sobre todo, coa miña filla.

CURIOSIDADES ►Un territorio entre o monte Farelo e o río Ulla
Cunha superficie de 104 metros cadrados, o territorio que ocupa o municipio de Antas de Ulla está marcado pola serra do Monte Farelo (ao sur) e o río Ulla, que nace no seu territorio. Esta configuración orográfica dota a Antas dunha importante riqueza cinexética e piscícola, á vez que marca un clima de abundantes precipitacións cunha temperatura moderada.

Demografía
O acusado descenso demográfico, como ocorre na gran maioría dos municipios do interior galego, é un dos grandes problemas aos que se enfronta Antas. O municipio conta na actualidade con 2.059 habitantes, segundo o censo de 2017, 800 menos que cando Varela Pérez accedeu á alcaldía en 1999.

Gastronomía
O pan de Antas, elaborado de forma artesanal e cociñado en forno de leña, é un dos produtos máis afamados do municipio. Sobre todo, se se acompaña con queixo da zona.

Comentarios