Os Lobos pide que se cre un museo do territorio na contorna de Pambre

O colectivo propón recuperar o castro de Remonde ou o Muíño de Enrique por ser recursos que axudan a explicar a fortaleza

Vista exterior del castillo de Pambre. AEP
photo_camera Vista exterior do castelo de Pambre. AEP

A Orde das Donas e Cabaleiros do Priorado de Vilar das Donas, Os Lobos, enviou senllos escritos á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e ao Concello de Palas de Rei nos que pide a ambas as entidades a súa implicación para rehabilitar os diferentes recursos patrimoniais vinculados ao castelo de Pambre, co fin de crear un museo do territorio.

Este colectivo vén reiterando esta petición desde finais de 2016, cando a fortaleza se abriu ao público despois dunha profunda restauración. Os Lobos di que o "importante investimento" realizado para recuperar o monumento conseguiu unha "aceptable posta en valor" do mesmo, aínda que defende a necesidade de rehabilitar outros recursos vinculados á fortaleza e que contribúen a explicar a súa historia.

Refírese así a elementos como o Muíño de Enrique, o castro de Remonde, a ponte medieval que cruza o río Pambre ou a Planta da Luz de Coello, á que define como un dos primeiros "aproveitamentos hidroeléctricos de Galicia".

Os Lobos critica que desde que se abriu o castelo ás visitas non só non se actuou sobre ningún destes bens, senón que ademais existe, segundo eles, un notorio abandono da contorna xa que "nin se limpan os camiños". Sobre outras actuacións que se levaron a cabo na zona, o colectivo denuncia que "parecen non terse pensado moito". Critican así que un panel informativo do miradoiro tivese que ser substituído por outro apenas un ano despois de instalarse; que o hormigonado dunha estrada que dá acceso á fortaleza provocase a caída dun muro de pedra; que se construíse unha ponte que non pode ser utilizada ao ter un dos seus lados pechado, ou as avarías que provocan que parte da iluminación non funcione.

PADROADO. Os integrantes dos Lobos tamén propoñen á Consellería e ao Concello a creación dun padroado que estaría integrado por ambas as entidades públicas e por colectivos e asociacións veciñais da zona. A finalidade desta nova entidade sería a de promover e coordinar todas aquelas iniciativas encamiñadas á creación do museo do territorio.

Para Os Lobos o obxectivo ideal é que o castelo se converta en epicentro e referente dun museo do territorio que, no entanto, englobaría outros referentes menores do patrimonio e a historia da contorna. Así, ademais dos recursos xa citados, o hipotético museo potenciaría outros bens como Sambreixo, o Pazo da Ulloa, As torrentes de Mácara, Cabana ou As Augas. Todos eles, "lugares nos que os visitantes e os locais podemos descubrir a nosa historia, a nosa cultura, as nosas riquezas e os nosos valores", conclúen desde este colectivo.

Comentarios