Jim Sports amplía as súas instalacións no polígono de Palas con 5 millóns

Urbanizará a segunda fase do parque empresarial e prevé crear 20 postos de traballo
undefined
photo_camera O alcalde, Pablo Taboada, e o empresario Jesús Graña. EP

A empresa Jim Sports, que fabrica e exporta material deportivo a máis de 30 países, comezou este martes as obras para ampliar as súas instalacións no polígono industrial de Palas de Rei cun investimento de 5 millóns de euros, unha das máis grandes que, desde o ámbito privado, levaron a cabo no que vai de ano na provincia.

A marca, establecida no municipio desde o ano 2014, comeza así a segunda fase do parque empresarial palense, que abarcará máis de 27.000 metros cadrados de superficie útil, nos que construirá unha nave loxística de 17.000 metros cadrados, o que, segundo prevé a propia empresa, significará a creación dunha vintena de postos de traballo.

Jim Sports adquiriu a parcela na que acometerá as obras a Xestur Galicia, e a licenza municipal foille concedida a finais do ano pasado. Na primeira fase das obras urbanizaranse os terreos onde se está levando a cabo o correpondente movemento de terras -onde se construirán as rotondas ou prazas de aparcadoiro-, para máis tarde, nunha segunda fase, construír unha nova nave.

As instalacións abarcarán máis de 27.000 metros cadrados de superficie útil

O alcalde, Pablo Taboada, visitou a zona acompañado polo responsable do grupo empresarial, Jesús Graña, coñecido como Jim. Alí destacou a "enorme satisfacción polo arranque das obras, ou que se traduce nun importante impulso para o tecido empresarial do municipio".

Para Taboada, a instalación da empresa no municipio "marcou un antes e un despois". Se xa considera a implantación do grupo en Palas de Rei como "histórica", valora o "crecemento exponencial da firma, que dobrou o número de persoas empregadas dende que se asentou non concello non ano 2014". "O asentamento de Jim Sports no polígono industrial, a apertura da residencia de maiores e a rehabilitación do castelo de Pambre son os logros polos que máis satisfacción sinto como alcalde", indica.

A firma palense que, como grupo, é a de maior facturación do municipio, destaca tamén pola construción de campos de fútbol con herba sintética e numerosas pistas de pádel tanto en España como no resto de Europa.

Potencial para o municipio
O empresario palense Jesús Graña, Jim, asentou o seu negocio en Palas de Rei en primeiro lugar, para despois facelo no veciño municipio coruñés de Melide. No ano 2014 decidiu volver situar parte da súa empresa na súa terra natal, cun investimento de nove millóns de euros. No ano 2018, asentou a totalidade da empresa no polígono palense. En setembro de 2019 abriu as portas do ximnasio. Hoxe en día é o negocio de maior facturación do municipio.

130 empregos
As instalacións das que dispón Jim Sports actualmente tradúcense nunha facturación anual duns 30 millóns de euros, con máis de 130 empregos directos no concello, aos que se sumará outra vintena ao finalizar estas obras.

A empresa, con 24 anos de historia, mantivo un crecemento continuo que culminou, recentemente, coa súa presenza en América Latina.

Comentarios