A investigación dunha ulloana sobre a metástasis recibe 2,5 millóns de axuda

Marisol Soengas é xefa do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas
u30Gfw0s_400x400
photo_camera Marisol Soengas

Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), conseguiu unha das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para as súas investigacións para as metástasis. O seu proxecto contará con 2,5 millóns de euros para nos próximos cinco anos poder estudar o comportamento e tratamento desta enfermidade.

O proxecto de Marisol Soengas, natural de Agolada aínda que mantén uns fortes vínculos con Antas de Ulla, onde reside periodicamente, centrarase en entender como se orixinan as metástasis para tratalas de forma máis eficiente. "Para iso, utilizarán modelos animais moi sofisticados e validarán os resultados en mostras de pacientes", segundo informa o CNIO a través da súa páxina web.

O equipo de Soengas xa conseguiu ver en 2017, por primeira vez en organismos vivos sen recorrer a cirurxía, como a melanoma actúa en todo o organismo. Para iso, utilizaron uns modelos de rato bioluminiscentes chamados MetAlert, que se iluminan alí onde se activa a xeración de vasos linfáticos, o que supón un dos pasos esenciais para a diseminación deste tipo tumoral.

Para o seu actual proxecto a científica utilizará os ratos MetAlert e outros modelos que o grupo deseñou para determinar onde e cando se poden visualizar en vivo as primeiras fases do proceso de diseminación do tumor.

A ERC concedeu un total de 185 axudas a nivel europeo, das que 14 irán destinadas a proxectos impulsados por científicos españois. Das dúas conseguidas polo CNIO, a outra é para María Blasco que fará o primeiro estudo sistematizado das proteínas shelterinas, que son as que mutan para diferentes tipos de cancro.

Comentarios