Tres intoxicados en Monterroso por mor da mala combustión dunha cociña

As persoas afectadas foron evacuadas de inmediato e non perderon a consciencia

Unha muller e dous menores tiveron que ser evacuados da súa vivenda en Monterroso para ser atendidos nun centro sanitario ao sufrir síntomas de intoxicación, ao parecer, causados pola mala combustión dunha cociña de leña.

A chamada dun particular, cando eran as 16.15 horas deste sábado, foi a que alertou ao 112 Galicia. O informante requiría os servizos médicos xa que as tres persoas que naqueles momentos estaban na vivenda, situada no número 25 da Avenida de Lugo, sentían mareos e malestar. En previsión de que puidese tratarse dun escape de gas, desde o 112 deuse aviso aos servizos médicos, bombeiros de Chantada —que non chegaron a actuar—, GES de Monterroso e Garda Civil da zona.

Tras evacuar ás persoas afectadas, que en todo momento se mantiveron conscientes, os membros do GES monterrosino comprobaron que o incidente se produciu por mor da mala combustión dunha cociña de leña, descartando así calquera tipo de escape doutras características, polo que procederon a ventilar as distintas estancias.

Comentarios