Un leite ecolóxico da Ulloa, entre os 30 novos proxectos do Mercado de la Cosecha

A iniciativa, da responsabilidade social de Hijos de Rivera, busca dar visibilidade ao dinamismo do rural galego
Ana Corredoira e Marta Álvarez, na liña de envasado de Sen Máis. EP
photo_camera Ana Corredoira e Marta Álvarez, na liña de envasado de Sen Máis. EP

O Mercado de la Cosecha, iniciativa de responsabilidade social de Hijos de Rivera, dá visibilidade ao dinamismo do rural a través de trinta novos proxectos que trasladan unha mensaxe positiva acerca desta contorna, informa a corporación.

O proxecto de impacto social reúne na súa web ata 65 iniciativas rurais co fin de que a cidadanía as coñeza.

Unha das novas incorporacións é El Calabacín Rojo, un proxecto de Antonio Cavada situado en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), que comezou como unha aposta polo coidado da alimentación propia e que agora se pode atopar nalgúns dos mellores restaurantes de Galicia.

Outro dos proxectos é Sen Máis, a iniciativa de Ana Corredoira e Marta Álvarez nunha aposta polo leite ecolóxico, situada na comarca lucense da Ulloa.

Tamén se sumaron á familia do Mercado de la Cosecha o restaurante de Muxía (A Coruña) A de Loló, que decidiu reinventarse coa base das súas elaboracións e agora vende as salsas dos seus pratos envasadas como base para as elaboracións en casa.

Coa mirada posta neste 2022, desde o Mercado de la Cosecha espérase poder gozar destas e outras iniciativas "en contacto directo cos proxectos, as persoas e os lugares nos que se realizan".

"É a nosa intención seguir e profundar e achegarnos máis a elas para dar a coñecer todo o potencial transformador que teñen", asegura Marcos Pérez, director do Mercado de la Cosecha.

comentarios