Heredeiros da Crus e París de Noia, no programa do San Roque 2021

Tamén haberá concertos das orquestras Os Satélites, Os Players e Marbella, o grupo local Os Melidaos, bandas de música e charangas
Heredeiros da Crus, en un concierto. XESÚS PONTE
photo_camera Heredeiros da Crus, nun concerto. XESÚS PONTE

A concelleira de cultura e turismo do Concello de Melide, Mayka Basalo, presentou este martes a programación das festas de San Roque deste ano entre os días 16 e 22 de agosto. Haberá actividades para todos os públicos, que se realizarán en varios espazos do municipio coa intención de dinamizar diferentes zonas de Melide.

Uns pasacalles da asociación cultural Herba Grileira abrirá a semana de festas o luns 16 ás 11.00 horas. Ese día Heredeiros da Crus dará un concerto ás 21.00 no aparcadoiro da capela de San Roque. A noite do martes tocarán no mesmo sitio e á mesma hora Os Satélites, e ás 22.00 horas Margarida Mariño, e o mércores farano Os Players e Adhara & Ritman.

A orquestra París de Noia animará a festa o xoves 19, e o venres a orquestra Marbella e SonDaRúa. Ao día seguinte o grupo local Os Melidaos tocará ás 22.00 horas na Praza do Convento.

Haberá actividades infantís todas as tardes, con espectáculos como o do Mago Antón, Aparvaolimpiadas ou Bandullo Azul. Oito bandas de municipios veciños tocarán ao longo dos sete días na Praza do Convento e no Cantón de San Roque. Ademais varias charangas animarán a zona dos viños na hora do vermú (12.30 horas) os días 16, 20, 21 e 22.

Para acudir aos concertos de Heredeiros da Crus, Os Satélites, Os Players, París de Noia e Marbella é necesario reservar previamente as entradas na plataforma www.ataquilla.com. Cada usuario poderá retirar dous pases de acceso.

Comentarios