O GES de Monterroso atendeu o ano pasado máis de 500 urxencias

Moitas das saídas destes efectivos estiveron relacionadas con incidencias de tráfico e disparáronse as alertas por enxames, con case 270 niños retirados, o triplo que en 2017

Actuación del GES de Monterroso. AEP
photo_camera Actuación do GES de Monterroso. AEP

O GES de Monterroso atendeu ao longo de 2018 un total de 555 incidencias, un 11% máis que o ano anterior, cando estes efectivos actuaron ante 490 avisos. A maioría das intervencións estiveron relacionadas con incidencias de tráfico e con alertas por enxames, actividade esta última que se disparou nos últimos doce meses, ao retirarse case 270 niños.

Este grupo de urxencias con sede en Monterroso volveu estender a súa actividade ao resto de concellos da Ulloa, Taboada, Portomarín e Guntín. O seu mes de máis actividade foi o de outubro, con 102 saídas, seguido de setembro (75), agosto (66) e decembro (61). No polo oposto situáronse maio e xuño, con ao redor dunha vintena de actuacións cada mes.

As incidencias relacionadas co tráfico e a seguridade viaria volveron ter un especial protagonismo, ao supor 217 do total de 555 atendidas durante o ano 2018.

Entre elas, os efectivos deste corpo de urxencias tiveron que desprazarse ata en 60 ocasións para realizar tarefas de dirección e sinalización do tráfico, atenderon 38 avisos por accidentes de tráfico de distinta gravidade, 50 pola presenza de animais soltos na rede viaria, 24 por anegamentos de estradas e 16 pola caída de árbores ou ramas en viarias.

Xunto a esa actividade, tamén foron moi frecuentes os avisos pola presenza de enxames de velutina preto de zonas poboadas. Estas saídas, un total de 268, triplicáronse en relación ao 2017, cando se retiraron 90 niños. Os meses con máis incidencias deste tipo foron outubro, con 63 casos, e setembro, con 53.

INCENDIOS. A extinción de incendios, coa colaboración doutros efectivos de urxencias nalgúns dos casos, volveu ser outra das tarefas máis frecuentes do GES monterrosino durante o 2018, ao motivar 28 saídas.

Así, ao longo do pasado ano estes profesionais atenderon, entre outras incidencias, nove avisos por incendios urbanos, outros oito por lumes declarados en vivendas da zona rural, oito que non chegaron a afectar a inmobles e tres alertas por vehículos que empezaron a arder.

OUTRAS INCIDENCIAS. Polo que se refire ao ámbito da protección civil, o GES ulloano participou en cinco dispositivos de procura de persoas desaparecidas e tamén en dous rescates. Ademais, foi mobilizado tras un aviso dunha vertedura ambiental e os seus integrantes participaron nun simulacro co fin de mellorar a coordinación entre distintos efectivos ante urxencias.

Dentro destes labores de apoio á cidadanía, estes profesionais tiveron que atender dúas alertas polo desprendemento de cableado eléctrico en zonas públicas, actuaron tras ser avisados dun derrube e a central galega do 112 tamén mobilizou a este corpo para axudar a levar a cabo seis traslados sanitarios na área xeofráfica que atenden.

Comentarios