O alcalde de Monterroso recibe a alta e ultima o programa da Feira de Santos

O rexedor impulsou a recuperación da celebración da véspera, o 31 de outubro, cunha charanga que percorrerá rúas e negocios
Antonio Gato. AEP
photo_camera Antonio Gato. AEP

O rexedor de Monterroso, Antonio Gato, recibiu o alta tras someterse a dúas intervencións debido a unha enfermidade vascular, e ultima estes días os preparativos para a celebración do evento máis destacado no calendario municipal, a Feira de Santos.

Segundo indica o rexedor, ademais da feira de gando e dos centos de postos ambulantes que se concentrarán o día 1 de novembro nas rúas da vila, este ano desde o Concello quixeron recuperar a celebración da véspera da feira, o día 31. "Tradicionalmente, na véspera xa se reunían os tratantes de gando, e as rúas enchíanse cos ambulantes, polo que este ano quixemos recuperar este carácter histórico da feira", indicou. Esta recuperación materializarase en que o día 31 unha charanga percorrerá as rúas e negocios para invitar os veciños á participación ao día seguinte.

Outra das formas coas que Gato quixo profundar na memoria desta feira considerada de Interese Turístico Galego foi a través da poesía de Pablo López Álvarez, veciño do Batán. "Colocaremos os poemas que escribiu sobre a véspera e sobre a Feira de Santos en cabaletes e situarémolos en distintos lugares da vila, para lograr algo tan fermoso como que a xente se pare nunha rúa para ler un poema", explicou.

A música tampouco faltará nesta feira de orixe medieval. Gato avanzou que contará coa colaboración da asociación cultural Falcatrueiros, e que aínda espera poder pechar outra actuación. Ademais, aínda que non forme parte da programación do Concello, agradeceu á asociación 25 Xastres por organizar a súa Foliada de Santos o mesmo día 1.

O rexedor tamén avanzou que o programa de seguridade para a Feira de Santos xa estaba en marcha tras a creación dun comité transversal que reúne a operativos do GES de Monterroso, a Garda Civil e a Cruz Vermella, así como os técnicos municipais que participan na organización. "Este ano contratamos a cinco traballadores máis non Concello para a organización da feira", indicou.

Gato tamén detallou que, tras a celebración desta edición, iniciará os trámites para que esta feira teña a consideración de Interese Turístico Nacional.

Comentarios