Gato declara no proceso contencioso para evitar a súa expulsión do grupo IxM

O partido quixo botalo a través dunha moción e unha acta notarial, pero o alcalde logrou frear a decisión
2020061011014869174
photo_camera Antonio Gato (esquerda), este martes á saída do xulgado. XESÚS PONTE

O alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, compareceu este martes no xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo para declarar no proceso contencioso que determinará a súa filiación ao grupo político co que gañou as eleccións en maio do ano pasado, Independientes por Monterroso (IxM), que intentou expulsalo da formación. Ningunha das partes en litixio quixo facer este martes declaracións.

Antonio Gato presentou pola vía xudicial un recurso contencioso administrativo á decisión de IxM —materializada a través dunha moción nunha sesión plenaria e, máis tarde, a través dunha acta notarial— de expulsar o rexedor da formación. O rexedor monterrosino solicitou a adopción de medidas cautelarísimas que deixasen sen efecto a decisión de IxM, alegando a vulneración dun dereito fundamental, como é o dereito á participación política. A maxistrada estimou esta solicitude ao considerar que a decisión exercida mediante unha acta notarial deixaría o alcalde sen capacidade de recorrela. O proceso resolverase nos próximos días.

Esta decisión xudicial provocou no seu momento despexar do escenario municipal a posibilidade dunha moción de censura, que non poderían secundar os concelleiros de IxM ao seguir formando parte do mesmo grupo político que Gato, e que, xa que logo, non contaría cos apoios suficientes. O escenario podería cambiar se finalmente se produce esta expulsión.

Gato cesou dos seus cargos os seus compañeiros de filas a finais de outubro, ao pouco tempo de coñecerse a decisión do TSXG de adxudicar a vitoria a IxM nas últimas eleccións cun voto de diferenza en relación ao PSOE. Tras gobernar mediante decretos, Gato aliouse co edil de Compromiso por Galicia (CxG) e os tres do PSOE, con quen gobernou durante un tempo, aínda que os socialistas lle retiraron o seu apoio.

Comentarios