Gato busca que se recoñeza o Camiño Santo de Monterroso como ruta xacobea

O candidato a alcalde promoverá actividades como "unha andaina popular" para reivindicar a declaración

Antonio Gato. AEP
photo_camera Antonio Gato. AEP

O exalcalde socialista e actual cabeza de lista da candidatura Independentes por Monterroso (IXM), Antonio Gato, anunciou que promoverá diferentes actividades "como unha andaina popular" para reivindicar a oficialización do Camiño Santo, como unha variante da ruta xacobea de inverno.

Antonio Gato defende a base histórica desta ruta, que se utilizaba cando os peregrinos non podían franquear a Serra do Faro por mor da neve. Explica, ademais, que esta variante do Camiño transcorre ao longo das parroquias monterrosinas de Sambreixo, Sirgal, Monterroso, Esporiz, Bidouredo, San Lourenzo e Gontá, polo que cre que, de oficializarse, repercutirá moi positivamente na dinamización cultural e económica da zona.

PROGRAMA. Esta proposta é unha das máis rechamantes do programa co que Antonio Gato intentará recuperar a alcaldía monterrosina tras as eleccións do próximo mes de maio.

O rexedor tamén asegurou que traballará para que a Feira de Santos sexa declarada festa de Interese Turístico Nacional e subliñou, "como proxecto irrenunciable", a inmediata posta en funcionamento do complexo deportivo, "despois de catro anos nos que as instalacións están acabadas pero sen uso".

A potenciación dos servizos sociais a través de novas propostas é outro dos alicerces fundamentais do programa do veterano político.

Comentarios