domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

O gañador de Monterroso decídeo un sobre azul

Antonio Gato e Rafael García. ARQUIVO
Antonio Gato e Rafael García. ARQUIVO

A candidatura vencedora poderíase elixir a través dun sorteo, pero é o PP o que ten a chave da gobernabilidade

Un voto nulo impugnado polos socialistas pode ser a clave para desfacer o empate técnico a 798 sufraxios que se produciu entre o seu candidato, Rafael García, e a lista de Independentes por Monterroso (IxM), encabezada por Antonio Gato. Este mércores, a xunta electoral de zona deberá decidir se o voto anulado ao PSOE nos sufraxios do domingo é ou non válido. O erro veu motivado pola equivocación dun elector que introduciu a papeleta das municipais no sobre azul das europeas, sen que os compoñentes da mesa se decatasen do fallo.

Se finalmente o recurso dos socialistas non prospera, o empate manteríase e a candidatura gañadora dos comicios podería decidirse nun sorteo, segundo establece o artigo 196 da Lei Electoral. Pero antes de que iso suceda poderíase abrir un abanico de negociacións, nas que a postura do PP será clave.

O candidato socialista, Rafael García, aínda non quere falar de posibles escenarios e prefire "ser cauto". "Primeiro debe decidir a xunta electoral se admite ou non ou noso recurso. Se o acepta, seriamos nós os que teriamos catro concelleiros e gañaríamos as eleccións, polo que a partir dese momento resolveremos os pasos a seguir", afirmou.

Antonio Gato: O PP goberna na Xunta e iso axudaranos a impulsar proxectos importantes

A elección dunha lista gañadora a través dun sorteo por empate técnico entre dous candidatos non é un feito novo, aínda que si infrecuente. Nas eleccións do domingo só produciuse un empate similar no municipio malagueño de Tolox. O sorteo nesta localidade será inevitable, xa que PP e PSOE empataron a 603 votos e son as únicas dúas listas que terán representación na corporación.

No caso de Monterroso, hai unha maior fragmentación, polo que o concelleiro que está en xogo non dará a maioría absoluta a ningunha das dúas candidaturas. Ante este escenario, Antonio Gato -que dependendo da decisión da xunta electoral tería tres ou catro concelleiros- fala xa da necesidade de chegar a acordos coas demais forzas da corporación e aí os tres concelleiros do PP poden resultan decisivos.

Rafael García: "Se aceptan o recurso seriamos nós os que gañariamos as eleccións e a partir de aí decidiremos os pasos a seguir"

Gato non esconde as súas preferencias: "O PP é quen goberna na Xunta e, probablemente, iso axudaranos a sacar adiante os proxectos que consideramos máis urxentes para o municipio, como son a apertura do complexo deportivo, a ampliación da área recreativa da Peneda e a posta en valor do Camiño Santo".

DESMENTIDO. Tanto o candidato socialista como Antonio Gato desmentiron onte que na noite electoral produciuse ningún tipo de incidente ou pelexa, entre o agora independente e outra persoa vinculada ao PSOE. A noticia saltou nunha rede social a raíz do escrito dun usuario, que dicía que o candidato de IxM, "rematou a puñazos" co pai dun dos candidatos socialistas, algo que, segundo eles, non se produciu en ningún momento. Gato mostrouse ademais disposto a levar á xustiza ao autor "de semellante falacia".

O gañador de Monterroso decídeo un sobre azul
Comentarios