O futuro pasa por coidar da Ulloa

A cooperativa Indaga impulsa a Escola Cívica de Custodia do Territorio, unha iniciativa que busca favorecer oportunidades para a xente moza baseadas na sustentabilidade ecolóxica
Quercus Sonora (participante na Escola), nunha actividade de plantación de especies autóctonas. EP
photo_camera Quercus Sonora (participante na Escola), nunha actividade de plantación de especies autóctonas. EP

O futuro pasa por coidar da Ulloa. Niso traballa a cooperativa Indaga, que no mes de maio poñerá a andar a Escola Cívica de Custodia do Territorio, cofinanciada polo Concello de Monterroso e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) a través do Injuve. A iniciativa pasa polo desenvolvemento dun programa de formación gratuíto dirixido a calquera persoa entre os 16 e os 35 anos de idade interesada nas oportunidades a nivel social e laboral que pode ofrecer o territorio e que teñen na súa base a custodia do mesmo.

Durante o mes de maio, a Escola desenvolverá seis sesións fundamentalmente prácticas, nas que as persoas participantes poderán asomarse a proxectos pioneiros na comarca que comparten a implicación co territorio, a defensa das condicións laborais dignas e a sustentabilidade ecolóxica,

Logo dunha primeira achega introdutoria, dúas das sesións centraranse en modelos de produción, con visitas ás cooperativas en ecolóxico de As Vacas da Ulloa, que comercializa leite fresco baixo o selo Sen Máis, e Milhulloa, adicada ao cultivo de plantas aromáticas. "Nesta sesións daremos a coñecer o funcionamento dunha cooperativa como modelo máis democrático, que en tempos de crise resiste mellor e destrúe menos emprego", conta o palense Adrián Gallero, un dos socios de Indaga, politólogo e posgraduado en Economía Social e Cooperativismo.

Da produción ao consumo, outra das sesións achegarase á iniciativa de O Zuleiro. Con ese nome, que fai referencia ao lugar no que nas casas da Ulloa se gardaba o gran e os produtos das colleitas, un grupo de veciñas e veciños quixo unirse para consumir de xeito máis local e racional, comprando a produtores locais con prezos xustos. «Nesta sesión coñeceremos o funcionamento dun grupo de consumo e as posibilidades da organización colectiva para consumir de xeito responsable», conta Gallero.

Outras dúas sesións levarán ás persoas participantes a coñecer o traballo de outras dúas entidades comarcais. Nunha das xornadas achegaranse a Quercus Sonora, a asociación impulsora do Festiulloa, un festival de música de cámara que celebran cada ano nas parcelas que tamén custodian para recuperar nelas o bosque autóctono e frear a eucaliptización. Para rematar, coñecerán o bosque custodiado pola Eira da Xoana, e con ela a historia das loitas veciñais que a entidade protagonizou na comarca nos 90. A custodia do territorio é o motor destas dúas iniciativas, pero "ese traballo de custodia está tamén implícito no modelo de desenvolvemento dos outros proxectos participantes", conta Gallero.

Seis proxectos que, ademais, colaboran entre si, e aos que tamén poderían sumarse moitos outros. "Sempre nos preguntamos que pasa na Ulloa, coa sensación de que son moitas as iniciativas pioneiras da comarca", indica Adrián, que explica en parte ese liderado no paso do Camiño, na riqueza ecolóxica e no traballo en rede. Outras iniciativas como A Parada das Bestas, Arqueixal, o Pazo de Vilane ou o festival Agrocuir abren alí tamén horizontes de futuro nun contexto marcado pola despoboación. "A base é loitar contra o abandono do rural da xente moza por non atopar oportunidades atractivas e dignas", indica.

Ao rematar, a Escola ofrece unha fase de acompañamento e titorización, para que cada persoa poida resolver dúbidas e recibir asesoramento. As persoas interesadas poderán contactar en [email protected].

Comentarios