Falece aos 106 anos José Manuel Rodríguez, o avó de Monterroso

Era natural de Portomarín e traballou como funcionario de prisións

José Manuel Rodríguez García, Acevedo de Monterroso, faleceu este mércores aos 106 anos de idade. Este antigo funcionario de prisións e natural de Portomarín converteuse na persoa máis lonxeva do municipio monterrosino, onde pasou a maior parte da súa vida ata os seus últimos anos, cando foi trasladado a unha residencia da capital provincial.

José Manuel foi unha persoa moi coñecida na localidade monterrosina, onde chegou por motivos laborais. A súa carreira como funcionario de prisións desenvolveuna nun centro penal lucense, pero Rodríguez García rexentou durante mucyho tempo unha tenda de venda e repartición de penso en Monterroso. A súa muller, que aínda vive, tivo unha librería e unha tenda de lambetadas á beira do colexio, o que converteu ao matrimonio nun dúo moi popular entre os máis novos e as súas familias.

O falecido mantivo a súa boa saúde durante moitos anos tras a súa xubilación. De feito, ata fai non demasiado tempo, era común velo pasear polas rúas de Monterroso co seu bastón e o seu chapeu, cunha postura característica e recoñecible por todo o pobo, que lle gardaba un gran aprecio polo seu trato agradable e a súa dedicación.

José Manuel Rodríguez García deixa dous fillos, José Manuel e Jorge, que tamén traballaron como funcionarios de prisións na localidade monterrosina.

Os seus familiares e achegados poderán despedirse por última vez de José Manuel este xoves.

A condución do cadáver realizarase ás cinco da tarde desde Velorios Funeraria López ata a igrexa parroquial de Monterroso, onde se oficiarán os funerais antes de proceder ao enterramento no cemiterio municipal.

Comentarios